O 5 de xuño, declarado Día Mundial do Medio Ambiente, foi ademais a data na que Curros Enríquez escribiu o seu primeiro poema, “Unha noite na eira do trigo”.
A Fundación Curros Enríquez convidou aos concellos galegos que contan cunha rúa ou unha praza dedicada ao escritor celanovés a realizar un acto de xeito simultáneo nela para lembrar o centenario do pasamento do poeta. A conmemoración consistiu nunha lectura conxunta á mesma hora, as doce da mañá, da primeira composición do autor, “Cantiga”, popularizada como “Unha noite na eira do trigo”, e outros poemas do libro Aires da miña terra.
Cumpriuse o obxectivo de que unha ampla representación social de Galicia representase ao unísono a popular canción de Curros. No acto central, celebrado en Celanova fronte á casa natal do escritor, encargáronse do recital os alumnos do colexio Sagrado Corazón, do CEIP Curros Enríquez e do IES de Celanova. Previamente interveu o alcalde celanovés e presidente da Fundación Curros Enríquez, Antonio Mouriño Villar. O acto rematou coa lectura de “Mestre”, un poema de Gonzalo López Abente dedicado a Curros, a cargo de José María Rodríguez, o concelleiro de cultura.
A iniciativa denominouse 54 rúas cantan a Curros, pois cincuenta e catro son os concellos que contan cunha rúa ou praza Manuel Curros Enríquez: 23 da Coruña, 12 de Lugo, 11 de Pontevedra e 8 de Ourense. Segundo as confirmacións que recibiu a Fundación sumáronse á convocatoria 19 concellos: A Coruña, Betanzos, Cambre, Culleredo, Neda, Oleiros, Ribeira, Santa Comba, Sarria, A Rúa, O Carballiño, Verín, Xinzo de Limia, A Cañiza, Cambados, Cangas, Pontevedra, Vigo e Vilanova de Arousa.
Ademais, o programa de actividades da Consellaría de Cultura, en colaboración con cinco concellos, para o declarado pola RAG Ano Curros, leva hoxe a Pontevedra o concerto Na fronte unha estrela. Este espectáculo estrutúrase arredor de poemas e cantigas líricas baseadas nos textos do escritor celanovés, interpretadas pola mezzosoprano María José Ladra e o barítono e recitador Antón de Santiago.