Noticias

Galeusca de Editores

Encontro en Lleida para trazar liñas de acción comúns

04-06-2008

Intervirán en representación da AGE o seu presidente, Alfonso García Sanmartín, a súa secretaria técnica, Luz Picos, Xelasio Suárez, de Ir Indo Edicións e Pilar Sampil, de Galaxia.

Mañá comeza en Lleida o quinto encontro Galeusca de Editores, no que participan editores vascos, cataláns, valencianos e galegos, coa fin de trazar liñas de acción comúns e implicar aos seus catro gobernos. A xornada máis intensa será a do venres, cun amplo programa de debates. Pola mañá desenvolveranse tres mesas redondas. Na primeira, sobre as axudas á edición nos territorios Galeusca, no Estado e en Europa, falará da parte galega Xelasio Suárez, xerente de Ir Indo Edicións. Na segunda, “Repercusión sobre a edición en linguas minorizadas da gratuidade dos libros de texto”, intervirá o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE) e director de Rodeira, Alfonso García Sanmartín. Por último, Pilar Sampil, xerente de Galaxia, participa na titulada “A colaboración entre editores no intercambio de dereitos de autor”.

A respecto deste tema, Pilar Sampil sinala que “relacións xa hai, pero poden intensificarse”. “Galaxia ten vínculos con editoras catalás e vascas dende hai máis de trinta anos, pero debe estenderse ao gremio e non ser algo puntual”, apunta. Este tipo de trocos son útiles porque abaratan custes. Sampil quéixase de que descubre libros que resultan un éxito nos demais territorios Galeusca antes a través da prensa ca do sector e que igual poderían funcionar tamén en Galicia. “Estamos tan cerca, pero ás veces somos tan descoñecidos”, lamenta. “É preciso crear fórmulas para sacarlle proveito a isto, pero non teóricas, que teñan aplicación práctica” salienta, e aclara: “temos intereses comúns, non somos competencia entre nós”.

Xa pola tarde desenvolverase a mesa redonda “A proxección exterior das culturas. Experiencias das distintas asociacións. Posibilidade de accións conxuntas”. Nela Luz Picos, a secretaria técnica da AGE, fará unha retrospectiva en tres partes da evolución do sector neste eido dende o ano 1986 ata hoxe. Precisa: “hai que facer fincapé no ano 2005, o do cambio político, pois o novo goberno desenvolveu un proxecto de difusión editorial no exterior”. Luz Picos sinala a importancia de “facer mercado fóra como unha alternativa de desenvolvemento do sector”. Neste sentido destaca iniciativas desenvolvidas recentemente, como a presenza galega nas feiras de Guadalaxara, São Paulo e Bos Aires. “En São Paulo mantivemos encontros con distribuídores, bibliotecas, librarías especializadas... realizamos unha prospección para analizar se o brasileiro é un bo mercado para nós”, relata. Engade: “o mercado latinoamericano ten unha gran potencia para nós e todos os investimentos institucionais que se están realizando redundan positivamente no sector”.

Neste senso Pilar Sampil recalca a importancia de facer propostas conxuntas para asistir a feiras nas que non hai representación, “por exemplo, a de Londres”. Concreta: “teriamos máis visibilidade se fósemos como Galeusca; non é o mesmo ir cun stand de vinte metros que cun máis pequeno, e alí decataríanse de que en España hai outras linguas”. Isto lígase a outro apuntamento de Sampil: “o futuro da edición pasa por camiños alén das librerías, onde as vendas son moi baixas”. Considera que “a percepción social do galego non invita a que haxa best sellers”. Como mostra a versión galega da última entrega de Harry Potter, que saíu simultaneamente á castelá, e a venda foi moito menor. Unha solución pasa por “conseguir liñas de traballo con outras entidades, públicas ou privadas”. Como exemplo Sampil cita a colección de clásicos universais que Galaxia edita coa colaboración de Caixa Galicia, “labor de tradución moi necesario, que así e todo vai moi lento”.

A vindeira semana coñeceremos as conclusións do Galeusca de Editores 2008 e os acordos de colaboración que se establezan.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |