Noticias

Dedicadas aos clubs de lectura

Xornadas para non ler en soidade

03-06-2008
Xornadas "Ler en común" Xornadas "Ler en común"

Durante un día e medio especialistas de Galicia, Cataluña, Portugal ou Francia amosarán as súas experiencias en animación á lectura, en concreto na actividade dos clubs que fan que a compaña dos libros sexa compartida e constitúen unha das experiencias dinamizadoras máis efectiva.

Os vindeiros días 13 e 14 de xuño realizaranse en Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia, unhas xornadas arredor da animación á lectura dirixidas a bibliotecarios, outros traballadores de bibliotecas, persoal docente, membros de asociacións culturais e outras persoas interesadas polo fomento dos hábitos lectores. Está previsto que estas xornadas teñan periodicidade anual e un eixo temático que desta vez serán os clubs de lectura, baixo o lema “Ler en común”.

A xornada do venres abrirá coa intervención de Genevieve Patte, bibliotecaria e dinamizadora en actividades de animación lectora especialmente para grupos sociais desfavorecidos e colaboradora de organismos como a UNESCO
ou o IBBY. A seguir haberá unha mesa redonda con participación de bibliotecarios e xestores de clubs de lectura de Andalucía, Cataluña e Galicia: Inmaculada Torres Casals Torres chega desde a Biblioteca central de Badalona, Fernando Giménez Guerra do Centro Andaluz de las Letras e María Luz Corral das Bibliotecas de Oleiros.

No día 14 Xoan Carlos Rábade, responsábel da biblioteca do IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña falará da experiencia de pór un marcha un club de lectura escolar logo da introdución de Cristina Novoa Fernández, asesora de bibliotecas escolares da Consellaría de Educación. Deseguido intervirá Maria João Rodrigues Quadrado Sampaio, da rede de bibliotecas do Porto, que falará sobre a experiencia do club de lectura da biblioteca municipal Almeida Garrett.

A mañá ha rematar cunha mesa compartida por tres proxectos salientábeis na animación á lectura en Galicia: Concha Costas falará do colectivo Espazo Lectura do Val Miñor, Soledad Ríos da Lonxa Literaria de Moaña e Nel Vidal da experiencia en Carballo con Literactúa.

Xa na tarde Antonio Alonso, especialista na aplicación de novas tecnoloxías nas bibliotecas escolares, fará unha achega á animación á lectura na web social e a coordinadora dos Clubs de lectura de Pontevedra e da Ánxel Casal de Compostela falará da lectura comunal en medio urbano, rural e virtual a partir das experiencias nestas dúas cidades.

Unha conferencia da psicóloga e responsábel dunha biblioteca escolar Carme Loriga Tomé verbo da animación á lectura no ámbito familiar pechará as xornadas na tardiña do sábado.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |