O escritor verinés inaugurou onte un blog no que invita aos lectores a valorar a súa última novela, “A vida nova de madame Bovary”.
Cando a presenza da literatura galega está estendida en Internet e moitos escritores dispoñen da súa bitácora particular, un dos máis prolixos é aínda virxe neste eido. Xosé Carlos Caneiro bota a andar o seu blog sobre a súa última novela coa incerteza de non dominar as novas tecnoloxías. No seu primeiro post, titulado “Espero”, reflicte ese medo: “un mp3 paréceme unha ecuación irresolúbel”. Máis adiante di: “Eu vivín á marxe dos bits, inmerso nun mundo de papel entre catro paredes”. E continúa: “Casares sempre estaba á última en tecnoloxía. E Alcalá, tamén. Eu, reitero, son un tipo que sempre chega tarde”. Confésase “profano” nas cuestións tecnolóxicas e admite que lle deseñaron o blog. “Eu só vou escribir, non é un blog que vaia ter moitos enlaces, moitas fotos e outras cousas, o único obxectivo é intercambiar opinións sobre a novela e coñecer as ideas que teñen dela os lectores”.
Este primeiro post comeza coa seguinte declaración: “esta novela naceu do corazón, pero eu non sei se é ese o lugar onde deben nacer as novelas”. A respecto disto Caneiro explica que é a súa novela máis sentida, “está escrita dende as entrañas, a partir de emocións particulares, pero o imperio da emoción non é o mellor xeito de afrontar unha novela, hai que facelo coa cabeza; as emocións hai que limalas para que non resulten efectistas”.
Precisamente ese vínculo íntimo con A vida nova de madame Bovary foi o que o alentou para poñer en marcha o blog, “para prolongar a miña relación coa vida da novela logo do proceso de escritura”. Caneiro irá desvelando as claves da novela e do seu proceso de creación para manterse próximo “á vida independente que inicia unha obra narrativa cando se lle entrega ao lector”. Pensa tirar desta aventura “un rendemento persoal, pola posibilidade de expresar o que sinto e sentín e pola intercomunicación co lector”.
O escritor espera que a resposta sexa boa: “agora mesmo estou nel e xa tiven nun día máis de cen visitas”. A novela ten máis de setecentas páxinas, así e todo Caneiro pensa que isto non é un condicionante para os lectores. “A literatura galega está normalizada e se os lectores len tochazos en castelán, porque non o van facer en galego”, opina. O blog permanecerá aberto mentres teña entradas dos lectores e mentres o autor considere que ten algo que dicir sobre o seu texto. Así o explica Caneiro: “supoño que durará uns meses, cando a novela cale, calarei eu tamén”.
Nesta anotación de apertura do seu diario dixital remata dicindo: “escribo as primeiras liñas deste blog e tremo. Esperando. Por ti”. O que fai tremer a Caneiro é o desasosego de non saber se A vida nova de madame Bovary cumpriu o seu obxectivo: “quería que a novela chegase directamente ao corazón dos lectores comúns, pero teño poucos ecos, porque aínda a leu pouca xente”. Por último, aclara: “as miñas contas coa crítica institucional están saldadas”.