Festa das Letras en San Simón
Os finalistas dos premios Xerais coñeceranse o día 31 e o fallo o 7 de xuño
27-05-2008
114 orixinais compiten por algún dos tres premios, que se entregarán na tradicional Festa das Letras organizada por Edicións Xerais de Galicia na illa de San Simón.
O Premio Xerais de Novela, con 25.000 euros, é o mellor dotado dos convocados en Galicia en lingua galega. Este ano presentáronse a este galardón 54 textos; ao Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil aspiran 28 traballos; e ao Premio Merlín de Literatura Infantil presentáronse 32 orixinais.
Os lemas das obras finalistas dos Premios Xerais 2008 daranse a coñecer o sábado 31, trala reunión que manterá o xurado o día anterior.
O xurado do Premio Xerais de Novela, esta edición formado integramente por escritores, constitúeno Xabier P. Docampo, Xosé Miranda, Santiago Jaureguizar, Uxía Casal e Estíbaliz Espinosa. O editor Francisco Alonso Villaverde actuará en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil está formado por Isabel Bilbao Freire, responsable de acción externa da Fundación Caixagalicia, Xabier Senín Fernández, profesor e tradutor, Andrea Maceiras Lafuente, estudante de filoloxía, Antonio Piñeiro Rodríguez, estudante de 3º da ESO do CEIP Alfonso VII de Caldas de Reis, Einés Monteagudo Vilavedra, estudante de 3º da ESO do IES de Ames, e Xosé Manuel Moó Pedrosa, editor, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado do terceiro dos premios, o Merlín de Literatura Infantil, intégrano Manuel Figueiras Fernández, profesor e responsable da Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil, Adolfo Gálvez Pazos, profesor e responsable de Biblioxest, Beatriz Pereiro Pérez, profesora, Oscar Villán, ilustrador, Laura Sáez Fernández, tradutora e intérprete, e Helena Pérez Fernández, editora, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Imprimir