Noticias

Entregas de premios no 17 de maio

Pablo Bouza, premio Francisco Añón de Poesía

21-05-2008

Pola súa banda, Manuel Lôpez Rodrígues gaña o Premio de Poesía Suso Vaamonde.

Ambos os premios entrégaronse o Día das Letras dentro do programa dedicado á efeméride nos concellos convocantes dos certames, Outes e Vilagarcía de Arousa.

Pablo Bouza Suárez gañou o XII Certame Francisco Añón de Poesía, cunha dotación económica de 1.000 euros, coa obra O home que falaba coas baleas. Nas categorías de nenos e mozos poetas, tamén obtiveron galardóns Carlos Martínez, Lorena Barrera e Lara Porto.

O xurado, composto por Concha Blanco, Mercedes Espiño, Antón Riveiro Coello, Baldo Ramos e o concelleiro de cultura Manuel García Fiuza, destacou a “madureza lingüística do traballo gañador, de temática mariñeira, do que se desprende un manexo axeitado do léxico empregado, ademais de constituír unha obra moi ben estruturada”.

O autor, oriúndo de Culleredo, publicou a súa primeira obra en 2007, o poemario ilustrado In aeternum, con creacións de Manuel Gandullo.

O acto de entrega do premio estivo presidido polo alcalde outense, Carlos López Crespo, e amenizado polo grupo de música Ancestral formado por arpa e violín. Así mesmo, os autores das obras premiadas leron parte dos seus poemas ante o público, que sairán do prelo nun volume colectivo.

Premio Suso Vaamonde

Antítese Nativa é o título do poemario asinado polo escritor noiés Manuel Lôpez Rodrígues, membro activo do Colectivo Literario Sacou, galardoado co XIV Premio de Poesía Suso Vaamonde 2008. Convocan este certame a Fundación Amigos de Galicia en colaboración co Concello de Vilagarcía e co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O xurado, integrado por Luís G. Tosar, Xosé Alonso e Antón Grande, salientou “a variedade léxica e o importante traballo lingüístico que ten este compendio de poemas de amor á terra e á muller, no que o autor usa como medio o verso libre”.

O galardón está dotado cunha contía económica de 1.000 euros e mais unha edición da obra cunha tiraxe de 1.600 exemplares, que correrá a cargo da Fundación Amigos de Galicia.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Novas relacionadas:

Manuel Lôpez Rodrígues

Manuel Lôpez Rodrígues

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |