AGPI logoLogo de cinco anos de actividade desde a súa refundación, a AGPI renova unha web que inclúe actualidade, galerías con mostras amplas de traballos e información completa sobre os asociados.
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) acaba de renovar a súa web coa pretensión de que se converta no portal que xunte a actualidade do sector cunha mostra representativa da actividade dos seus asociados e asociadas.
A AGPI leva anos traballando polo recoñecemento da profesión de ilustrador e na súa última refundación, hai agora cinco anos, xa se entendía a rede como un elemento fundamental de cara a espallar a súa actividade. Así, o apartado máis amplo da web é o buscador de profesionais que inclúe un currículo, datos de contacto e unha galería que serve como mostra dos traballos dos asociados. Galerías onde se mostran as exposicións organizadas pola asociación e un espazo restrinxido para os socios con documentos sobre a xestión interna e mais cuestións fiscais ou económicas completan os apartados do novo espazo dixital.
Pero é quizais o máximo potencial desta web o feito de facilitar a procura de profesionais por nome, por lugar de residencia ou por campos de traballo. Desta maneira pódense aproximar de maneira máis eficaz as necesidades de editores, creativos ou directores artísticos que precisen contratar un ilustrador ou ilustradora ao tipo de traballo que cada un dos socios desenvolve.
Esta nova web, deseñada por Óscar Otero, quere ser ao tempo unha mostra da calidade e variedade formal e estilística que teñen os profesionais galegos, da riqueza gráfica que leva hoxe ao recoñecemento internacional na ilustración de literatura infantil e xuvenil ou na banda deseñada.