Noticias

Beramendi recibe o Pedrón de Ouro 2008 en Padrón

19-05-2008

O Pedrón de Honra entregóuselle ao escritor Xosé Lois García, fincado en Barcelona.

No fallo, que tivo lugar o 29 de marzo e se deu a coñecer a principios de abril, o padroado da Fundación Pedrón de Ouro expuña que Xusto Beramendi (Madrid, 1941) é merecedor desta distinción pola súa traxectoria como “docente e investigador rigoroso da historia do nacionalismo galego”. Neste senso, estudou as traxectorias de Vicente Risco, Manuel Murguía, Alfredo Brañas, Losada Diéguez e Castelao, entre outros, e destaca a súa obra De provincia a nación. Historia do galeguismo político. A fundación quixo recoñecer tamén a súa actividade como “promotor de numerosas iniciativas culturais”. Procedente de Barcelona, asentouse en Galicia en 1974, asumiu como propia a lingua galega e comprometeuse na loita política co Partido Socialista Galego. Participou na creación das revistas Teima, A Trabe de Ouro e Tempos Novos e mais de entidades como o Instituto Galego da Información e o Museo do Pobo Galego. Estudou enxeñería industrial en Madrid e despois de iniciarse na investigación das ideoloxías doutorouse en Historia na Universidade de Santiago de Compostela, da que é catedrático de Historia Contemporánea.

O Pedrón de Honra outorgóuselle ao escritor Xosé Lois García (Chandada, 1945), quen, con semellante cometido, fixo o camiño á inversa, pois marchou a Barcelona en 1966. A Fundación salientou o seu labor “como divulgador da cultura galega e portuguesa en Cataluña”. Foi o creador da Irmandade Democrática Galega e realizou numerosas colaboracións xornalísticas e outras iniciativas como a creación dos parques Rosalía e Castelao no concello barcelonés de Sant Andreu de la Barca.

Ambos os dous recibiron o premio este domingo na Casa-Museo Rosalía de Castro. Presentou o acto Xosé Ramón Fandiño, membro numerario da Fundación Pedrón de Ouro, e actuou como mantedor literario Luís Álvarez Pousa. O presidente da fundación, Avelino Abuín de Tembra, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, deron senllos discursos. A celebración rematou na horta da Casa-Museo cunha ofrenda floral ao monumento de Rosalía.

Este premio distingue a personalidades ou entidades cunha traxectoria consagrada e comprometida coa cultura galega dentro e fóra de Galicia. Dende a súa instauración, en 1964, o galardón recoñeceu o labor, entre outros, de Isaac Díaz Pardo, Álvaro Cunqueiro, Valentín Paz Andrade, Xosé Manuel Beiras, a plataforma Nunca Máis, Manuel María, Isidro Parga Pondal, Xohana Torres, Antonio Fraguas ou Francisco Fernández del Riego. Na pasada edición os premiados foron o xeógrafo Xavier Río Barja e o pintor Leopoldo Nóvoa.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |