Noticias

Escolma musical para o Día das Letras

Álvarez Blázquez cobra vida a través da música

13-05-2008
Xosé María Álvarez Blázquez Xosé María Álvarez Blázquez

Cada ano xorden iniciativas novas para difundir a obra do homenaxeado o Día da Letras, alén das múltiples edicións e dos discursos oficiais. Estas propostas intentan ir máis aló da lectura da obra e darlle vida en formatos diferentes, como é neste caso a música. O fin é lograr que a literatura abrolle de xeito natural nos actos da vida cotiá, e a escoita de música é un deles. É difícil que alguén non bata esta semana, cando menos, cun poema do escritor na megafonía das rúas da súa vila, na radio, na rede ou nunha sala de teatro.

Sobrancean dous proxectos con dous puntos en común, o soporte en dvd e a selección de poemas do libro Roseira do teu mencer, que Álvarez Blázquez lle dedicou á súa primeira filla, María Luisa, alcumada familiarmente Colorín. Son Palabras liberadas para Xosé María Álvarez Blazquez e Xosé María Álvarez Blazquez, entre o Miño e o mar.

O primeiro deles é unha iniciativa da Biblioteca Municipal do Porriño, patrocinada pola Consellaría de Cultura. Está feita, como reza a contracapa, “co ánimo de acadar para a literatura outra canle de difusión, a través da música e da lectura en mans dos seus artífices”. Abre a sección de lecturas unha gravación de 1968 do programa Poetas de Galicia de Radio Nacional de España, na que Xosé María Álvarez Blázquez recita o seu poema “Ao ver que non tiñas nome”. Logo interveñen os fillos do homenaxeado, Alfonso, Celso e Xosé María, e mais os escritores Manuel Forcadela, Luz Pozo Garza, Román Raña Lama, Xavier Rodríguez Baixeras, Xavier Seoane, Marga do Val e Manuel Vilanova. Cada un deles escolleu dous poemas para recitar, un de Álvarez Blázquez e un propio.

A parte que zumega maior frescura deste proxecto é a musical. Comeza tamén cunha gravación histórica, de 1969, na que a Coral Polifónica do Círculo Recreativo Cultural do Porriño interpreta “Ao ver que non tiñas nome”, con partitura do compositor porriñés Ignacio Antonio Paz Valverde. Acompañan a esta peza propostas contemporáneas de grupos de estilos diversos, que versionean o mesmo poema e mais “Era un airiño soave”. Participan a banda de pop rock El Cubo, o hip hopeiro Kedro (Óscar Rodríguez) con Dj Kiko, o trío de música electrónica integrado por Marcos Legazpi, JazzT (Javi Paz) e Marta Quintana e, por último, Uxía con Héctor Lorenzo (á guitarra) e Quim Farinha (ao violín). Queda demostrado unha vez máis que a comarca da Louriña é terra de músicos.

Kedro e Dj Kiko

Precisamente a porriñesa Uxía considera “a música o mellor vehículo para divulgar a poesía”. No momento de trasladar o poema, neste caso “Era un airiño soave”, á partitura Uxía conta que tivo que conseguir desligarse da melodía que facía a coral, da que ela tamén formou parte, para facer algo diferente. No tocante aos demais grupos seleccionados opina que lle dan actualidade ao proxecto e que “todos foron capaces de levar os poemas ao seu terreo”. Engade: “ademais contribúe á normalización do galego entre os grupos pop, por exemplo, El Cubo era a primeira vez que facía algo en galego”. A respecto disto, David Rollano, vocalista de El Cubo di: “quedamos impactados pola sonoridade da canción, que ten que ver con que sexa en galego”. E engade: “en xeral á xente gústalle a versión, din que mantén o espírito do grupo, pero cun toque especial polo galego”. Rollano non descarta incluír algún tema en galego no seu próximo disco. Relata o seu proceso de traballo coa obra de Álvarez Blázquez do seguinte xeito: “nós empregamos os dous poemas porque as letras eran moi breves, logo todo foi moi sinxelo, tiñamos un riff de guitarra a partir do que saíu toda a canción de forma automática”.

El Cubo

Ao longo da semana das Letras, dende o día 12 ata o 18, Palabras liberadas difundirase pola megafonía das rúas peonís da vila do Porriño, acompañando aos viandantes nas súas derivas diarias de mercas, ocio e traballo. Faise así realidade a intención do fermoso lema da obra: “Hai palabras libres encerradas nos libros que poden e deben ser liberadas para facelas vida”.

Outro traballo de características semellantes é Xosé María Álvarez Blázquez, entre o Miño e o mar, editado pola discográfica Sons Galiza. Máis poemas musicados de Álvarez Blázquez, acompañados dun documental biográfico. Tanto a música coma a dirección do audiovisual son de Eloi Caldeiro. É o segundo volume da colección “O son da palabra”, que comezou o ano pasado con María Mariño, palabra no tempo que comeza. O cd, co título de Colorín, recolle once temas doutros tantos poemas do libro Roseira do teu mencer. As composicións están pensadas para un público infantil, eido, segundo Caldeiro, pouco desenvolvido no país. Por iso se decantou finalmente por musicar este poemario, pois nun principio fixera unha escolma de toda a obra poética de Álvarez Blázquez. “Todo o cariño que poidan sentir uns pais por un fillo está en Roseira do teu mencer, que xunto a Canle segredo, son na miña opinión as obras que mellor definen a Álvarez Blázquez”, apunta Caldeiro. “Ademais -salienta- hai algo de premonitorio nese libro, como se el soubese que algo malo lle podería pasar á súa filla”, en alusión á morte prematura de Colorín. Moitas das composicións están feitas como cancións de berce e Caldeiro espera que continúen vixentes tras a festividade das letras “que os pais llas canten aos fillos para adormecelos e que se empreguen tamén nas escolas infantís”.

Ai nena!


No rego do prado

O dvd, dunha hora de duración, narra a vida de Álvarez Blázquez con imaxes das vilas en que viviu e co testemuño da súa familia e dos seus amigos. Interveñen a súa dona, María Luisa Cáccamo, as súas fillas Berta e Elena, os seu fillos Xosé María, Celso e Alfonso, e mesmo os seus sobriños Darío e Alfonso Álvarez Gándaro. Entre os persoeiros achegados que aparecen no documental están Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández del Riego, Víctor F. Freixanes, María do Carme Krukenberg, Luís Ferreiro (fillo de Celso Emilio Ferreiro), Lalo Vázquez Gil (cronista oficial da cidade de Vigo) e o historiador e veciño de Tui Rafael Sánchez. Con este documental Eloi Caldeiro pretendía “reflectir a pegada vital que deixou Álvarez Blázquez nas persoas entrevistadas, a súa relación persoal”. “Non me interesaba que me falasen da súa obra, senón da súa incrible capacidade para erguerse ante os paus que lle deu a vida, dende o fusilamento do pai, os problemas económicos... era un home moi optimista”, comenta Caldeiro.

Ambos os proxectos constitúen soportes multimedia que fan máis fácil a aproximación aos clásicos. Son publicacións pensadas para unha divulgación xeral da obra de Álvarez Blázquez, que poden servir tamén en boa medida de material didáctico para a docencia.

Outra proposta musical de interese é a do grupo teatral Ouriol, que estrea a súa peza Camiños de sol. Será o xoves 15 de maio, ás nove da noite, na sala ARTeria Noroeste. Este espectáculo poético-musical corre a cargo dos músicos Bernardo Martínez (clarinete e percusión) e Fito Ares (frauta) e mais a poeta Eva Veiga. Malia que a obra toma o nome dunha das partes do libro Canle segredo de Álvarez Blázquez, inclúe poemas doutros volumes, dende os infantís de Roseira do teu mencer, a lírica medieval de Cancioneiro de Monfero ou as composicións máis acedas e existenciais do propio Canle segredo. A posta en escena deste espectáculo apóiase nos fondos pictóricos do artista Alfonso Costa. Esta proposta busca diferenciarse do formato dos recitais convencionais, facendo que o público se mergulle no sentido dos poemas a través da combinación expresiva da música e da interpretación de Eva Veiga. Camiños de Sol estará tamén en Betanzos o Día das Letras e na Casa de Cultura de Brión o vindeiro venres 23.

Compre salientar, por último, a estrea de Por carantoña unha flor, poemas do autor arreglados para voz e piano por Roxelio Groba e interpretados pola Orquestra de Cámara Galega na presentación dos actos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para o Día das Letras.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |