O rexurdimento cultural de posguerra que comeza na década dos corenta cristaliza xusto no intre en que xorden as primeiras editoriais. E, neste labor, Xosé María Álvarez Blázquez adquirirá un protagonismo crucial: 1950 non é só o ano de fundación de Galaxia, senón tamén o de Edicións Monterrey. Ambas as editoras consolidan definitivamente o pulo que iniciara a colección de poesía Benito Soto.
Pero sería a experiencia de Castrelos, nomeadamente a colección "O Moucho", a que converteu o labor editorial de Álvarez Blázquez na súa faceta máis decisiva para o progreso das letras galegas. Foron moitos os lectores que se achegaron por primeira vez á nosa literatura grazas á aposta do editor pola divulgación de libros en galego, revolucionando o ámbito editorial e as canles de distribución libreira. O valor da súa achega sitúase así ao carón dos nomes de Martínez Salazar coa súa imprenta ou de Ánxel Casal á fronte de Nós na historia editorial da Galicia doutrora.
1. Monterrey
No ano 1950, como evolución da libraría do mesmo nome que fundara dous anos antes co mestre Luís Viñas Cortegoso, nace Edicións Monterrey. Compóñena tres coleccións de fasquía bela e coidada, mostra da bibliofilia do seu creador:
Na luxosa "Beatus Jacobus", destinada á edición de libros raros e inéditos relativos a Galicia, publícase El buho gallego (1951) —obra atribuída por Álvarez Blázquez a Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos—, Vida y viajes literarios (1952) de Frei Martín Sarmiento, ou Santo da barba dourada (1953) de Martín Torrado. Concibida exclusivamente para a edición de libros en galego, "Leixado do vento" publica títulos significativos da literatura galega como o Entremés famoso sobre da pesca do río Miño (1953) de Gabriel Feixóo de Araúxo, Isa folla que vai polo río (1954) de Augusto Casas, O desengano do prioiro (1962) de Ramón Otero Pedrayo e a reedición da Cantiga nova que se chama riveira (1957) de Álvaro Cunqueiro.
Tres dos libros de poemas de Álvarez Blázquez, así como La ciudad y los días, tamén ven a luz no seo de Edicións Monterrey. Contos pra o pobo (1953) de Ben-Cho-Shey -pseudónimo de Xosé Ramón Fernández-Oxea- inaugura a colección "Frol e froito", na que posteriormente aparecen dous títulos emblemáticos que marcan o inicio da Nova Narrativa Galega: Nasce un árbore (1954) e Memorias de Tains (1956), de Gonzalo R. Mourullo.
2. Castrelos
Xusto cando esmorece o selo de Edicións Monterrey, emerxe a editorial Castrelos, nada en 1963. Xosé María Álvarez Blázquez non só desempeña a figura de empresario, senón que acomete sobre todo o labor de editor erudito, preocupado pola pescuda e a divulgación da cultura e da literatura galegas. Ademais da colaboración dos seus irmáns, conta coa axuda de Darío Xohán Cabana.
O escritor chairego ten destacado o extraordinario labor de distribución da editorial, que posuía puntos de venda non só en librarías e papelarías, senón tamén en calquera tipo de tenda. Unha furgoneta dedicada á venda de libros galegos viaxaba polo país cunha representación notábel das coleccións populares de Castrelos. O propio Darío Xohán Cabana despacha milleiros de libros en feiras, festas e prazas dalgunhas vilas. A escolla atinada das obras, o deseño coidado e o baixo prezo contribuíron tamén ao éxito alcanzado.
Logo dunha etapa inicial da man da colección divulgativa "Cuadernos de Arte Gallego”, en 1967 comeza unha nova xeira coa estrea e o éxito inmediato das coleccións "O Moucho" e "Pombal". A primeira, composta por "libros do pobo e pra o pobo" inaugúrase coa publicación do Catecismo do Labrego, do que se fixeron máis dunha ducia de edicións. Barriga verde (1968) de Manuel María, O tío Miseria e outros contos (1968) de Enrique Labarta Pose, Retorno a Tagen Ata (1971) de Méndez Ferrín ou A taberna do galo (1978) de Celso Emilio Ferreiro son algúns dos títulos senlleiros da colección.
O propio Xosé María Álvarez deixa a súa pegada creativa na colección con A pega rabilonga e outras historias (1971). Porén, o seu maior tributo está na súa continua tarefa de compilación e análise de textos populares: Cantigas do viño (1968), Sal e pementa. Escolma de epigramas (1968), Cantares de cego (1972), Os nomes da terra (1976) son froito dese labor, entre outras moitos títulos. Tamén é o editor de Hestorias e lendas (1972), Cousas da morte (1973) e Cousas, terceiro libro (1975) de Castelao, e mesmo traduce dous dos Sueños de Quevedo.
Follas Novas (1968) de Rosalía de Castro, Queixumes dos Pinos e outros poemas (1970) de Eduardo Pondal e Aires da miña terra e outros poemas (1971) de Manuel Curros Enríquez conforman os libros máis difundidos da colección "Pombal". Do poeta cívico Celso Emilio Ferreiro publícase A fronteira infinda (1972) e reedítanse Longa noite de pedra (1975) e Cimenterio privado (1978). Outros libros insignes son Obras en prosa e verso (1970) de Luís Amado Carballo, Contos da néboa (1973) de Ánxel Fole, Remuíño de sombras (1973) de Xosé Neira Vilas, ou O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte (1979) de Antón Alonso Ríos, obra que pecha a colección.
Son dignas de mención as edicións en galego da Antígona de Sófocles e mais da Ilíada de Homero. E, por suposto, a antoloxía Falemos galego (1973), compilación de cincuenta textos en prosa e verso que comparten unha arela: a reflexión sobre a lingua galega e a promoción do seu uso público. Desde Xoán Manuel Pintos, Lamas Carvajal ou Curros Enríquez até Carvalho Calero, Celso Emilio, Manuel María, Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana, pasando por Lugrís Freire, Castelao, Cabanillas ou Dieste, todos erguen a súa voz a prol do emprego do galego.
Pico Sagro e Mogor
"Pico Sagro" e "Mogor" completan o abano de coleccións que conforman o núcleo esencial da editorial Castrelos. Na primeira unicamente se publican dous títulos da autoría dos traballadores infatigábeis da editorial: Romanceiro da Terra Chá (1973) de Darío Xohán Cabana e Canle segredo (1976) de Álvarez Blázquez. En “Mogor” saíron, entre 1977 e 1980, cinco primeiras edicións, entre elas dous títulos de Vicente Araguas (Paisaxe de Glasgow e Ás veces en domingo abonda coa tenrura) e o primeiro libro de Xosé María Álvarez Cáccamo, Laberinto el clavicordio.
Selo de Edicións Monterrey
Algúns libros da colección 'O Moucho'
Unha das escolmas máis divulgadas de Castrelos