Noticias

Dosier "Xosé María Álvarez Blázquez" (III)

O escritor

13-05-2008
1. Poesía primeira

No seo da obra diversa e prolífica que deixou Xosé María Álvarez Blázquez, é nos seus catro libros de poesía e nos outros moitos poemas dispersos onde descansan os meirandes logros da súa obra en galego. Logo de diversas composicións temperás editadas en xornais e revistas -entre elas Cristal, da que é fundador-, Álvarez Blazquez publica o seu primeiro libro en 1949: Poemas de ti e de min.

Dividida en dúas partes independentes, unha das cales escribiu o seu irmán Emilio, a obra sae na pioneira Colección Benito Soto. Xosé María mestura aquí as tendencias estéticas da época: imaxinismo, popularismo e neotrobadorismo caracterizan uns poemas que translocen a propia experiencia existencial do poeta.

Con fermosas ilustracións de Xohán Ledo, Roseira do teu mencer sae do prelo de Edicións Monterrey en 1950. Unha profunda emoción atravesa o libro que Álvarez Blázquez dedica á súa primeira filla, María Luísa, alcumada “Colorín”. Concibida baixo os parámetros da poesía infantil -repeticións, paralelismos, retrousos, rimas marcadas- e influída tamén por vetas popularistas e imaxinistas, Roseira do teu mencer transmite con naturalidade o amor pola filla e o gozo da paternidade.

O Cancioeiro de Monfero (Século XIII) (1953) obedece a un divertimento de grande erudición. No singular prólogo da obra, Álvarez Blázquez celebra ter achado un manuscrito do século XVII que contén vintenove cantigas medievais, das cales ofrece oito aos lectores: enxeñosa brincadeira que aclara días despois. En efecto, os textos do Cancioeiro de Monfero son creación da súa pluma erudita e intelixente, capaz de escribir cantigas de amigo, amor e escarnio ao modo medieval con fidelidade total á súa estrutura e linguaxe.

Pouco despois, no Romance do pescador peleriño, publicado en follas soltas por Monterrey no ano 1954, o poeta aproveita o acaído molde do romance para trasladar unha trama sinxela, sen abandonar o lirismo e o imaxinismo que caracterizan as súas propostas literarias.

2. Canle segredo

Por Canle segredo, recoñecido como o seu máis destacado poemario, recibe Álvarez Blázquez o Premio Eduardo Pondal do Centro Galego de Bos Aires en 1954. Porén, a obra non se publica até o ano 1976. A adiada publicación da obra supón a perda do seu natural contexto literario e, en consecuencia, o esvaecemento da súa xusta valoración no decorrer da historia da literatura galega. As súas propostas anovadoras entroncan coa pulsión dos libros de Celso Emilio Ferreiro e outros poetas que mostran na inmediata posguerra un claro compromiso con Galicia.

A primeira das tres seccións que dividen a obra, “Canle segredo”, é de temática esencialmente amorosa e ten por motivos principais a paixón, o erotismo, a complicidade ou o desexo dunha unión permanente: "E direiche en segredo / un poema sin voz. / Ise poema noso, pechado como un soño, / que ven connosco arreo, / máis aló do non ser". A segunda parte, "Camiños de sol", plasma unha nostalxia fonda polo mundo da nenez e a perda dese contorno paradisíaco: "Aquil andar decote pola vida / sen ter os pés no mundo, coma os ventos / que nascían nas fragas de Sovilas / e viñan bater no lombo de Lantaño".

A intención cívica que paira nas seccións anteriores agroma con forza en "As mágoas", onde o poeta amosa a súa carraxe contra as inxustizas e o seu compromiso ético perenne: "Lle falaría / daquelas duras mans, rexas gadoupas / pra termar do legón e da manceira, / mans de escrava da terra" ou "Non hai paxaros ceibos, / homes ceibos na loita e nas ideas, / nin camiños de volta, / nin cousa inxel e leda. / Só hai sombras, ventos mortos, denosiñas, / lagartos e morcegos. Só tristeza".

Intimismo, denuncia social e compromiso cívico conforman as liñas dominantes de Canle segredo, unha obra na que fica, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, "toda unha vida".

Outros poemas

A obra poética de Álvarez Blázquez complétase cun folgado conxunto de poemas esparexidos ou inéditos, que as dúas edicións da súa Poesía galega completa -elaboradas en 1987 por Xosé María Álvarez Cáccamo e, vinte anos despois, por Xavier Rodríguez Baixeras- fixeron por compilar e restituír á literatura galega. Figura neste abano unha serie de textos dedicados a outros insignes escritores -Manuel Antonio, Cabanillas, Otero Pedrayo-; os poemas "IIª Visión" e "O encoro", contra o asolagamento de Castrelo de Miño; ou os "epigramas" de Pepe do Rollo -heterónimo do autor-, textos burlescos de intención humorística.

Non pode deixar de lembrarse aquí o conmovedor poema titulado "Solpor", que Xosé María escribe en 1982 a modo de despedida: "Nin verso airado nin aceda queixa. / De que nos han valere, miña amiga! / Imos desengrellando esta madeixa, / con lástima de nós e con fadiga".

No campo da poesía en castelán, o seu maior logro constitúeno os póstumos Sonetos del alba insomne (1995), testemuño intenso da dolorosa vivencia da guerra civil e o seu desterro en Castela, que foron escritos entre 1955 e 1965.


3. Os libros en prosa

Os ruíns, A pega rabilonga e outras historias de tesouros e o relato "O afillado", publicado individualmente, conforman a contribución de Xosé María Álvarez Blázquez á narrativa galega. Baixo o título Os ruíns agrupa cinco relatos breves, que se publican no último volume da revista Nós (1935), aínda que se editan con certo atraso no malfadado ano de 1936 e non son distribuídos con normalidade debido ao golpe militar. A pega rabilonga, novo conxunto de cinco relatos cinguidos, agardou até 1971 para ver a luz na colección “O Moucho” de Castrelos.

A narrativa de Álvarez Blázquez, de fasquía clásica con influencias evidentes de Castelao e Otero Pedrayo, mostra un gran compromiso cos humildes e desfavorecidos, case sempre protagonistas dos seus textos. Contén un berro rexo aos poderosos e unha presenza enérxica da natureza e dos animais, adoito erixidos como personaxes secundarios. En canto á técnica dos relatos, destacan a pericia descritiva, a autenticidade dos diálogos, a sutil ironía e as delicadas pegadas líricas.

A súa contribución á literatura castelá abrangue os tres xéneros canónicos, pero o seu talento creador destaca especialmente no eido narrativo. Son novelas súas El crimen de la isla verde, En el pueblo hay caras nuevas —finalista do I Premio Nadal en 1945—, Una cabaña en el cielo, Las estatuas no hablan e Crecen las aguas. As traducións de Alfonso Álvarez Cáccamo permítennos gozar en galego dos títulos Na vila hai caras novas (1991) e Enchen as augas (1995).

Xosé María Álvarez Blázquez tamén practica a biografía. En 1982 publica Alexandro Bóveda. Apunte biográfico, un dorido e emotivo relato vital do líder nacionalista. Precursora na recuperación e na reivindicación da memoria histórica, Darío Xohán Cabana apuntou que a súa lectura é "necesaria non só para termos unha idea cabal da obra de Xosé María Álvarez Blázquez, senón tamén para decatármonos de toda a ira e todo o odio (...) que os vencidos da Guerra Civil albergaron como unha espiña envelenada no corazón durante toda a súa vida.


4. Investigador, arqueólogo

O inmenso conxunto de investigacións de Xosé María Álvarez Blázquez é froito dun esforzo ímprobo e dunha curiosidade ilimitada. O polígrafo escritor espalla o seu saber e as súas pescudas en libros, xornais e revistas especializadas e asiste con frecuencia a congresos literarios, arqueolóxicos e etnográficos.

Entre os múltiples estudos literarios hai que destacar dúas achegas imprescindíbeis: a Escolma de poesía galega I. Escola medieval galego-portuguesa (1198-1346) e a Escolma de poesía galega II. A poesía dos séculos XIV a XIX (1354-1830), editadas por Galaxia en 1952 e 1959, respectivamente. Son escolmas acompañadas de anotacións biográficas e lúcidos apuntamentos críticos. Moitas das composicións correspondentes aos Séculos Escuros son hoxe públicos grazas ao labor de pescuda permanente que mantivo Álvarez Blázquez durante toda a vida.

Porque, tal e como o definiu o seu fillo Alfonso, Xosé María é un “buscador de tesouros” ao que se lle deben unha morea de achados. A literatura tradicional, a parameoloxía ou a toponimia galegas tamén lle deben moito ao incansábel estudoso. Porén, os seus tesouros non só se restrinxiron ao terreo da nosa literatura histórica, xa que dedicou tamén grande esforzo á pescuda arqueolóxica.

Nomeado en 1949 Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo, e seguindo os vieiros de arqueólogos vocacionais como López Cuevillas ou Fermín Bouza-Brey, Xosé María esculca, descobre e salva aras, estelas, machados e outros obxectos de valor do pasado remoto galego que se almacenarán no Museo de Castrelos. Foi Xosé María Álvarez Blázquez un home á espreita permanente do texto inédito e da peza curiosa para doar á Terra, "o fito chantado no centro xeométrico do meu horizonte", segundo declara no limiar de Canle segredo (1976).

O Cronista Oficial de Vigo

A actividade de Xosé María Álvarez Blázquez como articulista é ben abondosa. La Noche, El Correo Gallego, Diario de Pontevedra e, especialmente, Faro de Vigo son os depositarios principais das achegas históricas, arqueolóxicas, literarias e culturais que fornecen os seus artigos.

Ao longo de 1959, o Faro de Vigo incluía nas súas páxinas unha sección titulada "Calendario histórico", na que Álvarez Blázquez ía tecendo unha historia rigorosa da cidade: guerras, industrias, pestes, arte, xornais, obras literarias, burgueses, obreiros ou piratas desfilan polos seus artigos conformando unha magnífica pintura de Vigo. Un ano despois, todo este corpus é reunido no volume titulado La ciudad y los días. Calendario histórico, publicado por Edicións Monterrey. Da edición en galego vén de ocuparse Xerais recentemente.

Algúns dos seus artigos foron gabados e premiados en diferentes certames. Así e todo, hai un recoñecemento que Álvarez Blázquez recibe con especial satisfacción -se ben levaba exercendo como tal desde ben tempo antes-: o nomeamento de Cronista Oficial da Cidade de Vigo, en 1976.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |