Noticias

Dosier "Xosé María Álvarez Blázquez" (IV)

Os membros da saga

13-05-2008

Dedicar o presente ano á memoria de Xosé María Álvarez Blázquez equivale a honrar o traballo e a memoria dunha das personalidades máis fecundas e polifacéticas do noso século XX. Mais non só iso: as Letras Galegas 2008 deben interpretarse tamén como unha homenaxe a toda unha saga de literatos. O apelido Álvarez é marca distintiva dunha tradición literaria abeirada no compromiso con Galicia, unha tradición que parte do século XIX e xa abrangue -polo de agora- catro xeracións de escritores.

Emilio Álvarez Giménez (Puebla de Sanabria, 1830 – Pontevedra, 1911) foi quen introduciu na familia o oficio de poeta e, ao tempo, o compromiso coa lingua e a cultura galegas. Conectado á corrente cultural do Rexurdimento, ocupouse con teimosía dos temas do galeguismo e da historia de Galicia. É autor de Mari Castaña. Unha revolta popular, drama histórico en galego.

O seu fillo Xerardo Álvarez Limeses (Pontevedra, 1871 – 1940), membro do Seminario de Estudos Galegos e correspondente da Academia Galega, é o poeta responsábel de Antre dous séculos (1934), obra que escolleu Xosé Luís Méndez Ferrín para bautizar a xeración poética da que Xerardo formou parte. O seu irmán Darío (Pontevedra, 1977 – Tui, 1936) foi médico en Tui e alí levou a cabo un destacado labor xornalístico. Membro referencial da resistencia tudense ao inicio da guerra, o seu fusilamento o 30 de outubro de 1936 constitúe un feito crucial que marca a vida, a traxectoria e o pensamento dos sucesivos membros da estirpe.

Á terceira xeración pertencen Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, fillos de Darío. Tanto o primeiro, cuxa memoria é honrada este ano, como o segundo protagonizaron algúns dos episodios memorábeis da historia da edición galega. Con Celso Emilio e Fernández del Riego dirixiu Emilio Álvarez a colección "Salnés" de Galaxia. Deixou tres libros de poemas, entre os cales destaca O tempo desancorado, libro de intensa emoción lírica agromado da devoción que sentiu por María Blázquez, a súa nai.

Un terceiro membro desta xeración é Emilio Álvarez Negreira (Pontevedra, 1926 – 2002). Poeta e xornalista e curmán dos anteriores, Negreira acompañou a Sabino Torres e Celso Emilio Ferreiro na dirección da mítica Colección Benito Soto, na cal publicou o seu poemario Madrigal (1949).

O cuarto elo da saga está composto por tres membros da descendencia de Xosé María Álvarez Blázquez: Xosé María, Alfonso e Celso Álvarez Cáccamo. O primeiro pasa por ser unha das grandes referencias da poesía galega contemporánea, autor dunha longa lista de obras publicadas desde os primeiros anos oitenta entre as que hai tamén narrativa e ensaio; Alfonso é principalmente narrador e leva publicados un feixe de novelas e libros de relatos; por último, Celso é investigador no campo da filoloxía e autor do poemario Os distantes (Espiral Maior, 1995).


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Novas relacionadas:

Dosieres relacionados:

Darío Álvarez Limeses, María Blázquez e fillos: Celso, Darío, Álvaro, Xosé María (de pé), Alfonso e Emilio (Tui, 1929)

Darío Álvarez Limeses, María Blázquez e fillos: Celso, Darío, Álvaro, Xosé María (de pé), Alfonso e Emilio (Tui, 1929)

Xosé María Álvarez Blázquez e Xosé María Álvarez Cáccamo

Xosé María Álvarez Blázquez e Xosé María Álvarez Cáccamo

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |