Noticias

Quen traduce en Galicia?

12-05-2008
Realízase no presente dossier unha achega ao estado da tradución en Galicia coas voces dos profesionais deste ámbito acompañadas da recente historia editorial que lle dá soporte á pretensión de colocarnos nun lugar mellor no diálogo con outras literaturas.

por Liliana Valado
Breve ollada á historia

Até preto de 1494, case medio século despois da invención da imprenta, non temos constancia de que se editase ningún libro no noso territorio.

A partir de mediados do século XIX en Galicia, tamén se publica novela por entregas ben de autoría ben traducida. Pero nesta época a lingua de tradución era aínda o castelán. Será no 1896 cando o editor coruñés Uxío Carré Aldao publique unha das primeiras obras traducidas ao galego; referímonos a Brétemas co propio editor como autor.

A comezos do século XIX, créanse as primeiras editoriais galegas ao tempo que agroma a conciencia galeguista, isto é, asistimos aos tímidos inicios do sector editorial en Galicia.

O labor da editorial Céltiga supuxo un paso adiante na afirmación do galego como lingua de tradución literaria. E no 1927, Ánxel Casal pasa a fundar a editorial Nós, cuxas iniciativas editoriais servirán para consolidar a novela longa.

A grandes trazos, no panorama editorial galego do primeiro terzo do século XX, a consolidación da denominada industria editorial galega inda non asentara. Con todo, asistimos á proliferación da tradución literaria cara ao noso idioma.

Tras o gran baleiro producido a partir de 1936, promóvese a edición en galego desde o exilio. Esta iniciativa é retomada pola Editorial Galaxia (1950), cuxas liñas de publicación abranguían a tradución para fornecer a lingua galega cos clásicos universais.

Hoxe en día, segundo nos expón a tradutora Eva Almazán, “a Editorial Galaxia segue por sistema unha política clara en prol da visibilidade do tradutor”.

Naquel momento, cando a creación da Editorial Galaxia, a tradución viña a colación como ferramenta para propor novos formatos.

No tempo presente, Almazán fainos unha clasificación máis actualizada do concepto da tradución en función da súa actividade en tanto que profesión e do tipo de cliente que lle realice a encomenda. Almazán clasifica a súa actividade “en dúas áreas: tradución editorial e tradución comercial”. Esta proresional explícanos que é máis visíbel a súa faceta como tradutora literaria porque “os tradutores asinamos textos que a xente comenta”. Nesta liña, comprendemos a súa reivindicación cando proclama “que se siga a avanzar polo camiño emprendido. Comparar a situación da tradución no sistema editorial galego de hai vinte anos coa de agora dá vertixe”. Por outra parte, explícanos que a cotradución dun texto pode adiantar o prazo de entrega dunha tradución. Así e todo, a decisión de traducir en equipo ou en parella tamén pode responder a que “cada integrante achegue unha competencia”; no caso de O castelo branco, de Orhan Pamuk, “o profesor Bartug Aykan achegou a súa competencia nativa da lingua turca” e mais na obra de Pamuk; mentres que Almazán, a outra parte do tándem tradutor, achegou a súa competencia tradutora na lingua meta.

Retomando o fío temporal de mediados do século pasado, nas comparativas entre creación e tradución aparecen as expresións “boas traducións” e “bo tradutor”. Neste punto, perfílase unha das primeiras mencións á tradución e ás políticas editoriais en Galicia.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |