Alba Cid impartirá hoxe o seu obradoiro de creación literaria no horario de 10:30 a 12:30 no salón de actos do concello de Muíños. Mañá pola tarde, de 18:00 a 20:00 horas, Marta Dacosta dará o seu seminario no Fogar dos maiores de Allariz. A asistencia a estas xornadas é libre, aínda que o público destinatario son os colectivos de mulleres.
Estes obradoiros constitúen unha actividade da Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Igualdade da Secretaría Xeral de Igualdade. Puxéronse en marcha o pasado mes de abril e pretenden espallarse por todo o país.
A apertura da actividade correu a cargo de Enma Couceiro, que estivo no concello coruñés de Miño o 22 de abril. Elvira Riveiro, o próximo venres día 9, e María Xosé Lamas, o vindeiro luns día 12, realizarán senllas intervencións nos municipios de Redondela e A Fonsagrada.
O obxectivo xeral do programa é contribuir á dignificación da identidade feminina a través da literatura, colaborando na visibilización da obra das escritoras do país, reflexionando e demostrando a existencia dunha escrita feminina.