Noticias

Do 24 de abril ao 12 de maio

Libros aquén e alén do Atlántico

24-04-2008

A nosa escrita estará na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires da man de dezaoito editoriais ou na voz dalgúns autores.

A Feira do Libro de Buenos Aires cóntase entre os principais encontros latinoamericanos para o sector e para esta edición está prevista a asistencia de máis de 1500 expositores entre editoriais, librarías e distribuidoras de Arxentina e do exterior, institucións culturais e educativas, medios xornalísticos, representacións de países e stands colectivos, así como dun millóns de lectores de idades e lugares diversos.

Arxentina, lugar de lazos históricos coa nosa cultura e coa nosa produción editorial, recibirá así unha mostra de libros de Galicia presentes no expositor que coordinan a Asociación Galega de Editores e mais a Consellaría de Cultura e que corresponden a dezaoito editoras: Everest Galicia, Xerais, Rodeira-Edebé, Positivas, Tambre-Luis Vives, Sotelo Blanco, Biblos, Galaxia, Ideaspropias, Ir Indo, A Nosa Terra, do Cumio, Nova Galicia, Toxosoutos, Linteo, Kalandraka, Faktoría K e Laiovento levarán títulos de narrativa, literatura infantil e xuvenil, poesía, banda deseñada, dicionarios, publicacións de viaxes, de carácter histórico, xeográfico ou educativo.

No relativo á presenza da nosa literatura da outra banda do Atlántico, á cidade que noutrora acolleu os intelectuais do exilio e os seus proxectos editoriais chegará un número especial da revista Letras de Galicia deseñado para ofrecer unha ollada á creación literaria galega de hoxe así como á súa histórica relación con Latinoamérica.

Tras a inauguración da feira terá lugar unha mesa redonda sobre narrativa xuvenil actual en Galiza, coa participación dos escritores Ramón Caride e Francisco Fernández Naval. Tamén se han desenvolver, no stand dedicado á literatura galega, obradoiros da man da ilustradora Marisa Irimia. Pola súa vez, Estíbaliz Espinosa ofrecerá un recital poético o domingo 27 de abril.

Está previsto así mesmo un encontro entre o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e a directora da Feira do Libro de Bos Aires, Marta Díaz, coa vontade de acordar posibles convenios de colaboración que afiancen a presenza da literatura galega en Latinoamérica. Tamén se agarda que a Federación de Asociacións Galegas de Arxentina acolla un coloquio dos escritores Francisco Fernández Naval e Ramón Caride e unha homenaxe ao político Ramón Suárez Picallo. Así mesmo, o grupo de cantareiras de Mos, Malvela, ofrecerá varios concertos en centros galegos no que é a xira de presentación do seu último traballo, Da miña xanela á túa.

En canto ás presentacións de obras darase a coñecer na Feira Polifonías II, libro que se achega á problemática da violencia patriarcal. Participarán no acto cunha lectura colectiva ‘Herbas de prata’, un grupo de mulleres de Bos Aires así como a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán. Unha tradución da novela de Blanco Amor A esmorga, editada en galego por vez primeira na capital arxentina, e realizada polos escritores de ascendencia galega María Rosa Lojo e Rodolfo Alonso será outra das obras que se amosen na feira.

No programa desta XXXIV edición, que comezou para para os profesionais do sector o día 21 de abril con xornadas específicas pensadas para a industria do libro, haberá mesas redondas, conferencias e diálogos con intelectuais arxentinos e convidados do exterior, presentacións de libros, espectáculos ou obradoiros. Tamén outras actividades de promoción do libro e da lectura como un encontro de narración oral, un festival de poesía ou un foro de reflexión a propósito do espazo dos lectores.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Novas relacionadas:

Ligazóns:

Portada Letras de Galicia Bos Aires

Portada Letras de Galicia Bos Aires

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |