O bookcrossing segue a medrar en Galicia e, nesta data sinalada, non podían faltar actividades que promovan este fenómeno. Para que as rúas galegas se parezan cada vez máis a unha biblioteca ao ar libre, o sistema de bibliotecas municipais da Coruña ha liberar libros ao longo do día en distintos puntos da cidade.
Tamén se repartirán volumes correspondentes aos fondos das bibliotecas nas estacións de trens e de autobuses da Coruña: entre as oito da mañá e as oito da tarde, os viaxeiros do transporte público terán a opción de levar libros para ler no camiño. Ademais, é de lembrar que continúa a celebrarse a Feira do Libro e que, ás 19.15h, a concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, entregará os premios aos gañadores do concurso de fotografía "Amósanos o que les" na Biblioteca de Monte Alto.
En Compostela, o Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela participa hoxe no primeiro BookCrossing Universitario que se organiza no Estado, unha acción promovida pola Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE). A USC abandonará tres exemplares das obras La Casa de la Troya, Os viquingos en Galicia e O dómine indómito. Os lugares elixidos para a ceiba son o Paseo da Ferradura (Alameda), as prazas do Obradoiro, Toural e Fonseca e ambos os campus universitarios.Por outra banda, o Consello da Cultura Galega celebra a mediodía un acto de homenaxe a Ánxel Casal durante o que se presentará o libro Ánxel Casal, un editor para un país, editado polo CCG e o Seminario de Estudos Galegos baixo coordinación de Alfonso Mato. Pola tarde, a Biblioteca Ánxel Casal compostelá será escenario da presentación de 'Os Compañeiros. A orde da pedra', do debuxante Miguelanxo Prado. Con esta obra ábrese a colección 'Biblioteca Feima de Clásicos da historieta Galega'.
O Día do Libro é a data elixida polo Concello de Santiago para facer entrega dos premios do V Certame de poesía Aurelio Aguirre, que levou Alba Cid Fernández, e do VII Certame de relato curto José Saramago, do que foi gañador David Vázquez Álvarez. O acto dará comezo ás 20.30 na mesma sede do Concello.
Hoxe comeza tamén a Feira do Libro de Ferrol, con Manuel Rivas como pregoeiro. O discurso inaugural terá lugar ás 19 horas, aínda que durante todo o día se celebrará na Biblioteca Municipal un maratón de lectura. Mañá, xoves 24, estará na feira dos Cantóns unha das figuras máis representativas da poesía española contemporánea: Luis García Montero. Ademais, o programa da feira contempla unha morea de actividades literarias, musicais e teatrais até a súa clausura, o vindeiro domingo 27.
A vila de Tui prepárase tamén para honrar a memoria dun dos seus cidadáns senlleiros. O programa de actividades do "Ano Xosé María Álvarez Blázquez" comeza hoxe co acto institucional que dará inicio ás 19.30 horas diante do edificio que foi residencia da familia Álvarez Blázquez, no número 6 da actual rúa Irmáns Maristas, na fachada da cal se descubrirá unha placa conmemorativa.
Logo do Bookcrossing