Noticias

CAMPAÑA 'MÁIS LIBROS, MÁIS LIBRES'

Un millón de euros para promover a lectura

22-04-2008
Valados publicitarios
Un amplo conxunto de iniciativas levarán os libros a sectores sociais e espazos non habituais.
Se do que se trata é de promover a lectura, non abonda con mellorar as bibliotecas e con potenciar a industria da edición. Hai que levar os libros á rúa, á xente que por uns motivos ou por outros, pola falta de hábito ou pola falta de tempo, mantense apartada da lectura. A campaña 'Máis libros, máis libres' iníciase este 23 de abril, día do libro, cun orzamento que supera o millón de euros e o obxectivo da campaña é incrementar os hábitos de lectura entre os sectores poboacionais menos sensibilizados, mediante a promoción do uso das bibliotecas públicas, a potenciación da función cultural das librarías, mais tamén a través da apertura do mundo do libro a novos espazos, coma o deporte, ou as praias, favorecendo en conxunto o mercado da edición.


Ademais dos investimentos que se realizarán na Rede Galega de Bibliotecas e noutros sectores naturalmente ligados ás letras, a campaña realizará accións concretas en espazos non tan habituais, co obxectivo de levar os libros á rúa. Por exemplo, circularán polo país bibliotecas móbiles, centos de libros estarán dispoñíbeis nos medios de transporte públicos, e as letras mesmo chegarán aos grandes eventos deportivos do país e ás praias, co reparto de exemplares de balde durante o verán en Viveiro, Riazor ou Samil.

Así mesmo, crease un novo logotipo e desenvólvese unha estratexia completa de comunicación, que incluirá tamén accións na rúa para achegarse ao público, poñendo atención en datas de relevancia especial. Baixo a frase ‘Máis libros, máis libres’, a campaña estará presente en todos os medios de comunicación e en todas as accións, lembrando o papel da lectura como unha actividade que favorece a comprensión e o entendemento.

Aínda que de xeito oficial a campaña comezará este mércores, dende hai uns meses estanse desenvolvendo accións de promoción do libro, como a iniciativa Lendo espero, que levou libros aos centros de saúde, a creación de Clubes de Lectura, a organización de Semanas do Libro e da Lectura nunha ducia de vilas de todo o país, ou a posta en marcha do portal Praza das Letras.

Plan de Lectura, até 2011
A iniciativa encádrase dentro do Plan da Lectura, que presentou Ánxela Bugallo no Parlamento en outubro e que ordena por vez primeira de forma integral todos os esforzos que se realizan para incrementar o hábito da lectura e fortalecer todos os actores do sector. Até o 2011 investiranse 50 millóns de euros no desenvolvemento do Plan. Este ano, en concreto, a Consellaría de Cultura destinará 9 millóns de euros ao fomento da lectura e da edición en galego.

Portugal presentou esta segunda feira un traballo que analiza o primeiro ano de aplicación do Plano Nacional de Leitura, realizado polo sociólogo António Firmino da Costa. O PNL ten unha consideración positiva entre os enquisados que maioritariamente concordan en que os hábitos de lectura aumentaron; porén máis de dous de cada tres portugueses considera que no país se le menos do que no conxunto da Unión Europea. O barómetro reflicte unha gran fenda relativa ao gusto pola lectura en función do nivel de estudos dos portugueses; así, o gusto pola lectura está presente no 98 por cento dos inquiridos con ensino superior e apenas no 29 por cento daqueles que non posúen formación.

En calquera caso, o estudo indica que para a maioria dos portugueses a lectura é útil, nunha portcentaxe que veu crecendo nos últimos anos. Os responsábeis do plano fan unha avalición positiva dos resultados desta enquisa, e tamén das medidas encetadas o pasado ano, tendentes a fomentar a lectura en todos os niveis de idade e ámbitos da sociedade, dende o ensino primario até os centros de saúde.

Imprimir


Comentarios (1)

#1 23/Abril/2008 | xabier lago dixo:

saúdos dende o Bierzo, dos galegofalantes que agardo que non nos esquezades. Dende este estremo da Galiza tamén fomentamos a lingua galega. Apertas.
http://www.obierzoceibe.blogsp...


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Novas relacionadas:

Imaxes do vídeo da campaña

Imaxes do vídeo da campaña

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |