As actividades arrincan o 25 de abril na Coruña coa inauguración da exposición 'Curros Enríquez. Nación, liberdade e progreso'.
Dende que a
Real Academia Galega declarou o 2008 como
Ano Curros, véñense organizando actividades ao redor do poeta e xornalista, que tiveron as súas primeiras citas importantes na conmemoración do pasamento e enterro de Curros, e no cortexo organizado na Coruña hai unhas semanas, que percorreu a parte vella da cidade, dende o cemiterio de Santo Amaro até o monumento de Asorey que homenaxea ao poeta nos Cantóns.
A Coruña, cidade na que Curros está soterrado, será o centro das actividades do Ano Curros: mostras, conferencias, teatro..., nucleadas ao redor da exposición
Curros Enríquez. Nación, liberdade e progreso, e que se desprazarán por 35 concellos de todo o país. A mostra está concibida para exhibirse no exterior, e inaugurarase o 25 de abril na zona do Obelisco, onde permanecerá até o 11 de maio. A exposición fai un percorrido pola significación literaria, social e política do escritor a través de oito paineis con información escrita e gráfica e proxeccións audiovisuais. A mostra trasladarase a Ourense do 15 ao 27 de maio e pasará por outras seis localidades
Ciclo de conferenciasA Coruña tamén abrirá un ciclo de conferencias,
Curros no seu tempo, que xirará por varias cidades. Francisco Rodríguez falará sobre
A vixencia da obra de Curros, Laura Mariño e Diego Pardo sobre
Curros Enríquez e a Igrexa do seu tempo, Manuel Rei Romeu presentará o tema
Curros fronte ao poder establecido, Pilar García Negro tratará
A defensa da lingua galega en Curros Enríquez, e Elisardo Varela falará de
Curros en Cuba.
Haberá tamén música, recitais poéticos e teatro, que como todas as actividades tamén viaxarán por un gran número de concellos. O compositor Paulino Pereiro presentará o 18 de maio no Teatro Rosalía de Castro da Coruña un concerto con catro composicións para cuarteto de corda creadas para conmemorar o Centenario, tres delas estreas absolutas.
Mentres, o 15 de maio estrearase en Ourense o espectáculo poético-musical creado sobre textos de Curros. Co título
Na fronte unha estrela, o espectáculo estrúturase arredor de poemas e cantigas líricas baseadas nos seus textos. As pezas serán interpretadas pola mezzosoprano María José Ladra e o barítono e recitador Antón de Santiago, autor tamén do guión do espectáculo. Finalmente, o grupo de teatro amador
Achádego estreará o 1 de xuño na Coruña unha adaptación de
O divino sainete realizada por Marica Campo.