Preséntase publicamente este venres en Compostela, coa súa primeira obra: 'Plan de Fuga', de Alberto Lema.
Os estaleiros foron pechando, consecuencia dos ciclos de crise capitalista; outros estaleiros botan a andar, en tempos de redefinición de estruturas, tamén na produción cultural.
Estaleiro Editora é un proxecto de edición independente, de funcionamento asembleario e aberto, que nace co obxectivo de "abrir novos camiños dentro do sistema literario galego", unha alternativa "ao circuíto oficial da literatura e do pensamento subsidiados".
Este venres 18 preséntase en Compostela o primeiro libro editado por Estaleiro,
Plan de Fuga, de
Alberto Lema, autor nacido no 75 en Vimianzo, a quen a Filoloxía Inglesa e as oposicións levárono a conducir camións en Londres ou a buscar a vida en Lanzarote. Alberto Lema, que hai anos buscara sen éxito publicar os seus textos en varias editoriais galegas, publica agora este poemario, e neste 2008 tamén verá editada en Galaxia a súa novela
Unha puta percorre Europa.
Nunha e noutra obra Alberto Lema fala da derrota, fala da política, da que asoballa xeracións e pobos e da que define a vida de cada persoa:
porque non houbo batalla, compañeiro/ nin vencidos, e levamos toda a vida/ vivindo en territorio inimigo. Mais cunha arenga final que convida a mirar cara adiante:
Nós veremos o caer os muros de McDonald´s (...) E esta vez non podemos perder/ seremos o cancro na pel do cancro. A épica da experiencia que recolle o
Plan de Fuga de Alberto Lema será presentada por María do Cebreiro e Carlos Figueiras na nova biblioteca pública de Compostela (Avenida Xoán XXIII), a partir das sete e media da tarde deste venres.
O que é Estaleiro?A rede permite hoxe en día a edición e a autoedición, eliminando a necesidade de pasar polas estruturas editoriais, e permitindo a difusión de contidos a públicos moito máis amplos e diversos. Porén, os selos editoriais e a propia edición en papel continúan cumprindo unha función de lexitimación das obras publicadas: "só a publicaçom, ao amparo dum determinado selo editorial, legitima o autor em sociedade e entre os seus pares", escribe Carlos Figueiras en
Umha alternativa editoral, unha caste de manifesto de principios de Estaleiro Editora.
Estaleiro nace para lle dar espazo a novas voces, termo non referido tanto á idade dos autores como á orixinalidade e transgresión das súas propostas: "editar com as empresas do sector editorial torna-se de facto complicado para os jovens escritores, às vezes até impossível para jovens escritores sem contactos, sobretudo se estes ousarem afastar-se da doxa imperante no campo e se atreverem a transgredir qualquer umha das convençons, formais ou de fundo, em que assenta o sistema".
O modelo de edición alternativa que propón Estaleiro lígase a outras propostas de autoxestión editorial en marcha en distintos territorios do Estado, como
Virus Editorial (Barcelona), Anagal (Barcelona),
Hiru Argitaletxea S.L (Hondarribia),
Traficantes de Sueños (Madrid),
Pepitas de Calabaza (Zaragoza) ou a
Wu Ming Foundation italiana. A publicación, baixo licenzas creative commons, realízase en edicións de baixo custo (o primeiro libro distribúese a seis euros) e a través da descarga gratuíta das obras na rede, renunciando autores e editores a calquera tipo de retribución económica polo seu traballo. Estaleiro edita en galego, en calquera das súas normativas.
Despois de
Plan de fuga, Estaleiro ten previsto presentar e publicar en breve
Fume / Insomnio, unha dobre obra de teatro escrita, respectivamente, por Rubén Ruibal (Premio Español de Literatura Dramática) e Carlos Losada. O libro venderase igualmente a seis euros e poderá descargarse de balde na páxina da editora.