Detalle do folleto ABD BDGalicia terá por primeira vez un stand propio no Saló do Cómic de Barcelona cunha mostra de arredor de 70 títulos e coa presenza duns 30 profesionais do sector.
Alberto Guitián, Jacobo Fernández, Kiko Da Silva, David Rubín, Bartolomé Seguí, Miguel Porto, GoChi, Norberto Fernández, Fausto, David Lorenzo, Mariano Casas, Hugo Covelo, Miguelanxo Prado ou Victor Rivas son algúns dos autores que participarán no evento de meirande importancia para a banda deseñada no Estado, o Saló Internacional do Cómic de Barcelona, que se devenvolve entre o 17 e o 20 de abril.
Con eles estarán representados os colectivos BD Banda, Cerditos de Guinea Cómics, El Patito Editorial, Faktoría K, Fuck Cómics, Las historias de Mariano, Polaqia e Retranca.
E como froito dos premios acadados o pasado ano polos nosos autores Miguelanxo Prado, David Rubín e o fanzine ‘Barsowia’, do colectivo Polaqia, a organización do 26º Saló do Cómic de Barcelona decidiu organizarlles tres das sete mostras previstas para o evento.
As actividades do stand promocional e de venda darán comezo coa inauguración da exposición de publicacións e coa presentación do libro O farelo que realizarán os debuxantes Xosé Manuel Fernández e Kiko da Silva.
Ata o 20 de abril máis de 30 creadores do país protagonizarán mostras, presentacións, mesas redondas e sinaturas promocionais que se desenvolvarán no stand da Consellaría de Cultura e na Galería Sargadelos de Barcelona.
A Sargadelos será o espazo da presentación da Biblioteca Feima de Clásicos da Historieta Galega Os compañeiros. A Orde da Pedra de Miguelanxo Prado, coa presenza do autor e de Fausto Isorna ou de Aventuras de Cacauequil de Jacobo Fernández, coa presenza do autor e da editora de El Patito, Gemma Sesar.
Entre o material promocional que se achegará a Barcelona destaca o folleto ‘ABC BD’ elaborado polo Consello da Cultura Galega e que fai un repaso do panorama actual da BD galega a través de autores, obras, editoras, colectivos, distribución... Así mesmo, tamén estarán dispoñibles outras publicacións de carácter informativo como ‘5 anos de BD’, un folleto co programa das actividades galegas e o catálogo da exposición ‘Dez anos de BD galega’.