O libro contén a experiencia do autor de cinco anos vivindo en Palestina, como colaborador da ONU e como xornalista.
Na Alamenda compostelá, onde se desenvolve estes días a Feira do Libro, presentouse a última obra do xornalista, narrador e poeta Miguel Anxo Murado, Fin de século en Palestina, libro a camiño entre os dous oficios do seu autor, que estivo acompañado polo editor Víctor Freixanes e pola crítica Dolores Vilavedra.
Freixanes comezou o seu discurso aludindo a unha obra anterior de Murado, o conxunto de relatos titulado Ruído que abordaba, alí desde a ficción, a guerra dos Balcáns, e en concreto ao relato “O francotirador”, que situou entre os mellores da literatura galega a canda as Cousas de Castelao e “O vello e o tren” de Dieste. Aludiu a seguir a que Fin de século en Palestina “non é ficción pero si literatura”, aos exemplos parellos de Durrell ou Sthendal de como a mirada do escritor crea unha nova realidade e ao privilexio que supón ler unha obra coma esta, que “dialoga coa contemporaneidade”.
Á fascinación pola obra de Murado aludiu no comezo tamén Dolores Vilavedra desde o Caderno de Xapón do ano 2001, “un libro espectacular, un luxo” así como ao feito de que este novo libro, en parte crónica xornalística, en parte libro de viaxes, supuxo para ela a confirmación de que a singularidade deste autor está na ollada.
Falou Vilavedra tamén da presenza na obra dunha testemuña individual que vai do íntimo ao histórico beireando en todo momento o risco do sentimentalismo e dunha voz “solidaria pero non panfletaria”. Segundo a crítica hai dous elementos fundamentais que artellan a obra: o humor e a erudición. Canto ao primeiro “presente por todas partes” aludiu á hipótese de que o autor “o colocase como contrapunto ao clima de violencia”. No relativo á erudición dixo que Murado “pescuda, le, reflexiona, e comparte connosco unha información que axuda a entender as raíces milenarias dun conflito terríbel”.
Logo de estabelecer algúns lazos entre esta Fin de século... e un par de poemas de Manuel Rivas, que non puido asistir á presentación, rematou mencionando que vai ser esta unha obra que non deixe indiferente a ninguén porque, como se pode ler nas súas derradeiras páxinas “un non pode despedirse de Xerusalén nin pode despedirse de Palestina ou Israel, porque non están só alí, están en todas partes”.
Lembrar para esquecer
A seguir Miguel Anxo Murado realizou unha achega á concepción da obra, en principio escrita como un libro de memorias, e falou do proceso de enfrontarse por vez primeira á escrita de algo tan marcadamente autobiográfico así como do seu interese no traballo de lembrar o vivido.Aludiu tamén ao feito de ter vivido en Palestina os anos máis violentos, “non os peores, porque a situación non deixou de ir peor”, o tempo arredor da segunda intifada, aínda que o libro non trate fundamentalmente “sobre o conflito e si sobre a estranxeiridade, sobre o feito de estar contemplando un conflito que non se entende de todo”.
Murado recordou tamén que foi unha confusión o que o levou a Palestina, cando o seu destino inicial de colaborador na ONU debera ser Mauritania, e fixo unha reflexión sobre as dificultades da cooperación internacional nun país ocupado militarmente. Tamén sobre o escepticismo dun pobo que leva “60 anos de atrasos, enganos e fatalismo”, algo que se traduce inevitabelmente no libro e sobre o feito de que é a vida carceraria e militarizada “a verdadeira traxedia dos palestinos, a traxedia cotiá, esa parte que non é noticia”.
Así e todo, no libro aparece o momento de esperanza ao que se alude no título, esa fin de século cunha cidade de Belén "chea de israelís, porque era sabbath e non podían celebrar a noite aló", a partir do que se tira "a sensación de que todo é cíclico, algo que redunda no pesimismo".
No remate amosouse satisfeito co libro por ter sido quen de escribir algo tan persoal e polo feito de que unha vez lembrado poida comezar a esquecelo, porque Fin de século... foi tamén "unha especie de terapia contra un tipo de nostalxia, a que se ten de cousas tamén negativas" e aludiu á súa pretensión ao mesmo tempo "de entreter, de contar historias, cuestións das que non se ocupa a prensa porque son percepcións propias da literatura".