Noticias

Sábado 12 de abril no CGAC

A AS-PG “boa e xenerosa”

10-04-2008
Premio AELG á AS-PG Premio AELG á AS-PG

A AELG recoñece o labor deste movemento de renovación pedagóxica, con trinta anos de traballo na formación docente ou nos estudos sociais.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) recoñece o labor deste movemento de renovación pedagóxica, con trinta anos de traballo na formación docente ou nos estudos sociais.

A homenaxe alcanza os cinco anos de vida co tributo que se lle renderá á Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) pola traxectoria dun movemento de renovación pedagóxica pioneiro que fai os trinta anos de actividade.

No ano 2004 a AELG iniciou a homenaxe “Os bos e xenerosos”, un acto de recoñecemento da figura dun escritor/a ou colectivo que contribuíse a unha maior difusión pública da cultura galega.

Desde daquela recibiron a homenaxe Avelino Pousa Antelo (2004), o Museo do Pobo Galego (2005), a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! (2006) e o Laboratorio de Formas de Galicia, singularizado na persoa de Isaac Díaz Pardo (2007).

Desta vez o recoñecemento vai para a Asociación Socio-Pedagóxica Galega pola traxectoria dun movemento de renovación pedagóxica pioneiro, integrado hoxe por máis de mil asociados/as e con trinta anos de actividade ininterrompida: formación docente, publicación de materiais didácticos, promoción de espectáculos audiovisuais, elaboración de estudos sociais ou implicación decisiva no proceso de normalización lingüística.

A vinculación da AS-PG co discurso literario de noso foi sempre significativa e así algunhas das súas propostas metodolóxicas tomaron como punto de partida obras e trataron de relacionar a ficción co seu contexto social e histórico.

A data da homenaxe será o sábado 12 de abril, a partir das 11,45 da mañá, no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela e o programa comezará cunha actuación musical a cargo do dúo de corda “Noite na auga”.
Seguirá a lectura da acta de concesión do Premio, realizada por Mercedes Queixas Zas, e a laudatio que pronunciará Francisco Rodríguez. Intervirá a seguir Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, coa entrega dunha placa conmemorativa ao colectivo homenaxeado, e pechará a resposta á laudatio o presidente da AS-PG, Xoán Costa Casas. Ás 14,30 está previsto un xantar no restaurante do Hotel Porta do Camiño.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |