Os nomes galegos premiados pola Crítica Española xa son públicos: Helena de Carlos foi a elixida no apartado de poesía por Vigo, mentres que Luís Rei Núñez recibiu o galardón en narrativa grazas á novela O señor Lugrís e a negra sombra. A selección de ambas as obras obedeceu á proposta que fixera a sección de crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega, case acabada de nacer.
De acordo co xurado, Vigo é unha obra “de ton elexíaco e ecos clásicos, escrita nun verso elegante e equilibrado onde o tempo e a memoria son dous elementos moi presentes". Logo de Alta casa (1996) e 1999, o terceiro libro de poemas de Helena de Carlos é o dunha cidade viva e chea de voces diversas.
O señor Lugrís e a negra sombra foi un dos éxitos da temporada en narrativa, tanto en número de lectores como na acollida da crítica. Luís Rei Núñez confirmouse así como novelista galego de referencia grazas á súa axustada mestura de realidade e ficción para se aproximar á figura do pintor Urbano Lugrís.
Por outra banda, Memoria de cidades sen luz é o título da novela pola que Inma López Silva vén de ser galardoada co Premio Blanco Amor de narrativa. A escritora compostelá partiu da Guerra Civil para percorrer os teatros de París nos anos cincuenta. O Blanco Amor, convocado polo Concello de Lugo e outros 75 concellos de todo o país, está dotado con doce mil euros e, xunto co Xerais, é o grande premio da narrativa galega. O xurado deste ano estivo composto por Xesús Rábade Paredes (gañador da pasada edición), Marica Campo, Isidro Novo, Dolores Vilavedra e Ramón Nicolás. A novela galardoada será publicada por Galaxia a finais de ano.
Tamén se coñeceu o nome do autor do ano para a Federación de Libreiros de Galicia. O premio Irmandade do Libro recaeu en Xosé María Álvarez Cáccamo, que vén de publicar o seu novo libro de poesía, titulado Vento de sal. O poeta vigués recibirá o galardón na tradicional cea de entrega que celebrará a Federación, que este ano será o 12 de abril en Sanxenxo.
No apartado de tradución chegou a resolución do Premio Plácido Castro, que foi para Ánxela Gracián por A illa misteriosa, de Verne. O xurado da sétima edición puxo de relevo a manifesta calidade lingüística do texto no que atinxe á fraseoloxía e ao léxico, ademais da súa adaptación á sensibilidade dos lectores galegos actuais. Tanto o texto premiado coma os finalistas poden descargarse de balde na web da Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos.Por último, tamén houbo noticias desde o Padroado do Pedrón de Ouro, que cada ano recoñece cos seus premios o labor de persoas e entidades que destinasen os seus esforzos á defensa e evolución da cultura galega. Xusto Beramendi foi merecedor do Pedrón de Ouro pola súa traxectoria como "docente e investigador rigoroso da historia do nacionalismo galego" e promotor de iniciativas como a posta en marcha do Museo do Pobo Galego, segundo comunicou o Padroado. Ademais, o Pedrón de Honra 2008 foi para o poeta Xosé Lois García polo seu labor como "divulgador da cultura galega e portuguesa en Cataluña", tanto coas súas achegas desde o xornalismo como desde a creación dos Parques Rosalía e Castelao no concello barcelonés de Sant Andreu de la Barca.