I PREMIO INTERNACIONAL COMPOSTELA
"Cerca", de Natalia Colombo, mellor álbum ilustrado
02-04-2008

Álbum gañador do certame
O xurado do certame fallou a favor da obra da ilustradora arxentina, que considerou "un perfecto álbum ilustrado".
Máis de 340 traballos de 16 países concorreron á primeira edición deste certame, convocado pola Concellaría de Educación e Kalandraka, que pola súa dotación vai camiño de se converter en verdadeira referencia internacional. O xurado quixo premiar a obra da ilustradora arxentina María Natalia Colombo titulado Cerca, do que dixo ser un "perfecto álbum ilustrado". A autora recibirá por premio 12.000 euros en concepto de adianto dos dereitos de autor e verá o seu álbum publicado en Kalandraka en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués.
O fallo referiuse a Cerca como "unha fábula sobre a incomunicación, unha reflexión poética e profunda sobre as relacións interpersoais e o individualismo, sobre os desexos e as emocións". O seu valor literario reside na "sinxeleza narrativa e a engranaxe interna do relato, que plasma o paralelismo entre as accións dos protagonistas: un pato e un coello que viven pechados na súa soidade". Xa que logo, a obra convida ao lector a non perder a oportunidade de compartir cos demais "os momentos máis simples e felices da vida".
A calidade de moitos dos traballos presentados fixo que o xurado declarase como finalista La nube de Martín, do asturiano Javier Sobrino e a arxentina Rebeca Luciani, e fixese outras tres mencións especiais: Trocar as voltas ao tempo, de José António Gomes e Gémeo Luís (Portugal); Ovelhinha dá-me lá, de Isabel Minhós Martins e Yara Kono (Portugal); e La visita, de Nicolás Arispe (Arxentina).
O fallo do I Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados constituíu a primeira grande cita da VIII Campaña de Animación á Lectura, organizada un ano máis pola Concellaría de Educación do Concello compostelán e mais Kalandraka Editora. Nesta edición, e baixo o título de "O eco da memoria", a campaña quere render homenaxe e fomentar a recuperación da nosa memoria oral e musical.
Imprimir