Os libros para o tramo de idade con máis lectores centran unha conmemoración en que se han presentar dous novos títulos da colección “Lagarto pintado”.
Desde o ano 1967 o 2 de abril, data do aniversario do autor danés Hans Christian Andersen, é o elixido para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil.
Cada ano unha sección do IBBY (The International Board on Books for Young People) encárgase de escoller un tema e un autor e de mandarlle unha mensaxe aos cativos, así como do deseño do cartel. Neste 2008 foi a vez de Tailandia e o autor Chakrabhand Posayakrit titulou o seu texto ‘Os libros instrúen, o saber é pracenteiro’.
En Galicia, con motivo deste día presentaranse na biblioteca Rialeda de Oleiros, onde se está desenvolvendo a Semana do libro e da lectura, dous novos títulos da colección ‘Lagarto pintado’, editados pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) coa colaboración da Consellería de Cultura: as compilacións de contos De cando a primavera cría que era inverno, dirixido a menores de dez anos, e Tres blues e un rap, para maiores desa idade. Alí estarán a delegada de Cultura, Milagros Lantes, Carlos Labraña, autor de teatro infantil e representante de GALIX, e os alumnos do colexio Valle Inclán de Oleiros, que farán unha lectura dramatizada dunha peza teatral curta deste autor incluída na primeira das devanditas obras.
O libro De cando a primavera cría que era inverno está composto por outros tres relatos de Carlos López, Xosé Ballesteros e María Reimóndez, con ilustracións de Marta Álvarez. Tres blues e un rap contén catro contos de Xerardo Quintiá, Lourdes Maceiras, Marcos S. Calveiro e María Canosa, neste caso con ilustracións de Ramón Trigo.
As bibliotecas públicas de Galicia realizan numerosos actos de conmemoración neste día. Inseridos no programa da Semana do libro e a lectura de Oleiros, actuarán ás 19 horas no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera o grupo The Pinga Teatro, que presenta a obra O rei dos mares. Tamén actuará o alumnado do IES María Casares, co espectáculo musical “Marusía” e o recital poético “Mar de fondo”.
Desde hoxe pódese descargar desde esta web un número especial de Praza das Letras dedicado á LIX elaborado inicialmente en inglés co gallo da Feira Internacional de Boloña que mañá remata. Coa coordinación de Xosé A. Neira Cruz, a publicación contén unha viaxe polos últimos vinte anos na literatura infantil e xuvenil, columnas e viñetas de opinión que analizan o presente, con nomes como Xabier P. DoCampo ou Xosé Cobas, así como unha especial atención ao traballo dos ilustradores. Conxuga a perspectiva de creadores e críticos e de voces de diferentes xeracións, desde Agustín Fernández Paz a Motse Pena.
Portada Praza das Letras LIX