A PARTIR DE 2009
Galicia será sede do Centro IBBY para a Diversidade Cultural
01-04-2008

Intre do anuncio en Boloña
A Biblioteca Nacional da Cidade da Cultura converterase na institución central da LIX para linguas e culturas minorizadas.
A xornada inaugural da Feira Internacional do Libro Infantil de Boloña trouxo un anuncio moi relevante para Galicia e as súas letras: a International Board on Books for Young People (IBBY) designou Santiago de Compostela como a cidade que albergará o seu Centro da Literatura Infantil e Xuvenil para a Diversidade Cultural. O centro situarase no edificio da Biblioteca Nacional da Cidade da Cultura, que ha abrir as súas portas en 2009, e converterase entón no segundo centro que o IBBY promova desde a súa fundación. O primeiro foi creado en Oslo en 1985.
O anuncio facíao onte a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, na compaña da presidenta do IBBY, Patricia Aldana, intres antes da entrega dos premios Hans Christian Andersen. Bugallo sinalou a importancia do feito en termos de internacionalización das nosas letras, xa que o centro se converterá no "punto de referencia mundial das literaturas infantís e xuvenís que se escriben en linguas minorizadas". Foron "a forza e o prestixio que a literatura galega infantil e xuvenil acadou nas últimas décadas" os motivos de peso que conduciron á elección de Galicia como sede, en palabras da conselleira.
Compostela acollerá, xa que logo, a primeira biblioteca internacional especializada no estudo, promoción e divulgación da LIX escrita en linguas minorizadas. O afortalamento de fondos e materiais garánteo a rede internacional de colaboradores que promoverá o propio IBBY. Ademais, o centro compostelán desenvolverá ferramentas virtuais para posibilitar un acceso pleno e doado a estes fondos desde calquera parte do mundo.
O acordo entre Cultura e o IBBY tamén inclúe a celebración do XXXII Congreso Internacional do IBBY, que se celebrará no futuro centro compostelán en en 2010 baixo o lema de "A forza das minorías".
Imprimir