Noticias

WHITE RAVENS 2008

Dous títulos galegos, entre os mellores da LIX mundial

31-03-2008
O sorriso de Daniela
O sorriso de Daniela, de Kalandraka, e Ovos Duros, de OQO, incluídos no catálogo The White Ravens 2008.
A Internationale Jugend Bibliothek de Munich selecciona cada ano, desde 1996, un total de 250 libros infantís e xuvenís de entre os publicados durante un ano en máis de 30 idiomas duns 50 países. Esa selección preséntase na exposición The White Ravens que se realiza durante a celebración da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. A feira vén de comezar e, na exposición deste ano, haberá novamente representación galega.

Dous títulos en galego, editados por Kalandraka e OQO, foron elixidos para formaren parte do catálogo The White Ravens 2008. O sorriso de Daniela constitúe o oitavo título que Kalandraka coloca nesta lista en tan só dez anos de existencia. Trátase do segundo relato publicado nesta editorial pola profesora e escritora gaditana Carmen Gil, dedicada a actividades relacionadas co teatro, contacontos, danza e monicreques. Nesta obra, Gil construíu un relato inzado de figuras literarias que destila optimismo e ledicia. As ilustracións corresponden a Rebeca Luciani, artista arxentina afincada en Barcelona que conta cunha ampla traxectoria no eido da ilustración infantil. Os seus debuxos destacan pola súa luminosidade e pola mestura de diversas técnicas artísticas.

O outro título seleccionado é Ovos Duros, de Marisa Núñez e Teresa Lima e publicado por OQO Editora. Esta editorial recibe hoxe unha mención de honra do IBBY no marco da Feira de Boloña, grazas ao seu Gran libro de retratos de animais, de Svjetlan Junakovic e publicado en cinco idiomas.

Imprimir


Comentarios (1)

#1 2/Abril/2008 | O informador dixo:

Son tres os libros galegos coa mención de White Ravens deste ano 2008. Na lista falta "O carteiro de Bagdad" de Marcos Calveiro editado por Tambre.


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |