Comezou a XLV Feira de Boloña. É este un escenario que o sector galego xa coñece e isto hase notar desde hoxe e até o xoves. Ademais do stand que comparten a Consellaría de Cultura e a Asociación Galega de Editores, as editoriais Kalandraka, Nova Galicia e OQO comparecen a esta XLV edición da feira con espazos propios.
A calidade e competitividade da LIX galega teñen de quedar de manifesto na que é a feira mundial de referencia do mercado do libro infantil e xuvenil: a edición de 2007 xuntou perto de 70 países, 1.300 expositores e 5.000 axentes comerciais. Neste marco, a expedición galega estará integrada por editores, escritores e ilustradores na procura de novas oportunidades de negocio e de acordos de edición, xestión de dereitos e tradución.
O primeiro acordo de relevo asinarano na xornada de hoxe a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e mais Patricina Aldana, presidenta do IBBY, máxima institución internacional para a promoción do libro infantil. Este convenio de colaboración, que servirá para garantir unha maior presenza da literatura galega no eido internacional, pecharase no marco da entrega dos premios Hans Christian Andersen, considerados os Nobel da LIX.
Hoxe tamén terá lugar o acto de entrega de premios aos mellores libros do 2007 no Hall Stabat Mater da Biblioteca dell'Archiginnasio. Neste acto, Ánxela Bugallo recollerá unha mención de honra á Editorial OQO polo Gran libro dos retratos de animais, de Svjetlan Junakovic, editado na colección Sementes de arte e dispoñíbel en cinco linguas.
Alén das mencionadas, as editoriais galegas representadas en Boloña son A Nosa Terra, Everest Galicia, Tambre-Luís Vives, Sotelo Blanco, Galaxia, Faktoría K, Xerais, Primera Persona, Rodeira-Edebé, Baía, Obradoiro-Santillana, Ir Indo, Biblos, Embora, Toxosoutos e Positivas. Tamén asistirán escritores e ilustradores galegos, entre eles, Xabier P. Docampo e Ánxela Gracián, en representación de Gálix, a autora María Reimóndez, así como os ilustradores Manel Cráneo e Pinturero, como integrantes da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
Coa intención de facilitar a divulgación da nosa LIX no seo da feira, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural publicou diversos materiais promocionais. O catálogo ‘Galician Books for Children & Young Adults 2008’ contén un cento de títulos recentemente editados en galego para facer de plataforma de coñecemento e introdución de editoras e obras entre os máis de 1.200 selos internacionais presentes. Presentada en galego, castelán e inglés, tamén ofrece información de ilustradores, editoriais e escritores do país.
Tamén estará á disposición dos profesionais asistentes un número especial da revista Galicianbooks, coordinado por Xosé Antón Neira Cruz, que ofrece unha panorámica da creación contemporánea galega para o público infantil e xuvenil. Nel colaboraron Xabier P. Docampo, An Alfaia, Miguel Vázquez Freire e Agustín Fernández Paz, entre outros.
Entre os actos previstos para mañá martes, Xabier P. Docampo presentará a revista internacional de arte e literatura infantil Bloc, que el mesmo dirixe e na que colaboran escritores galegos. Tamén terá lugar nesta xornada a presentación pública do stand galego no evento. Por outra banda, a escritora María Reimóndez aproveitará a súa presenza en Boloña para presentar a edición de Il club della calzetta na sala Arteria.
Na xornada do mércores, 2 de abril e Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil, presentaranse os galardoados cos White Ravens 2008, entre os que se atopan O sorriso de Daniela, de Kalandraka Editora, e Ovos duros, de OQO.