A Biblioteca Pública de Santiago de Compostela inaugúrase hoxe venres, 28 de marzo, ás 19.30, nun acto que contará coa presenza do presidente Emilio Pérez Touriño, do ministro de Cultura en funcións César Antonio Molina, de Sánchez Bugallo, alcalde da cidade, da conselleira de Cultura Ánxela Bugallo e do arquitecto responsábel do proxecto, Andrés Perea, e no que se escoitará a voz da cantante Rosa Cedrón.
A biblioteca leva o nome de Ánxel Casal, en recoñecemento do traballo de quen era alcalde de Santiago -até a súa morte en 1936 por mor do levantamento fascista- e editor, e do compromiso deste intelectual galeguista cos libros e coa difusión da nosa cultura.
Abre cuns fondos de sesenta mil volumes, entre libros (cunha numerosa colección de obras dirixidas ao público infantil), filmes (centrada en documentais, cine independente e cine galego), discos, publicacións periódicas, e unha completa bedeteca, co mellor da banda deseñada galega e internacional. Eses fondos iniciais, para os que se investiu medio millón de euros entre 2007 e 2008, serán ampliados de forma paulatina, co obxectivo de garantir unha oferta de títulos actualizada.
A inclusión dunha Biblioteca electrónica posibilitará o acceso a unha selección de recursos multimedia (enciclopedias xerais e temáticas, hemerotecas, recursos educativos e outros) accesíbeis desde calquera ordenador, tamén desde os fogares co único requisito de ser usuario da Rede de Bibliotecas de Galicia.
A Biblioteca Ánxel Casal será pioneira en todo o Estado en implantar un servizo de empréstito automático mediante radiofrecuencia, un novidoso sistema tecnolóxico que evita os roubos e facilita o empréstito. Cada libro conta cunha tarxeta con radiofrecuencia. O usuario só ten que pasar por un lector o libro e o seu carné de usuario e xa pode levar o volume para a casa.
Logo de preto dunha década en que as obras se foron demorando, Compostela contará desde hoxe cunha biblioteca pública que substitúa a situada na praza de Salvador Parga desde 1955 que, por superficie, equipamento e desactualización dos seus fondos, resultaba insuficiente.