Haberá candidatos en dez categorías, unha dotación de 15 mil euros, xurado único con quince integrantes e fallaranse arredor de xuño.
As dez categorías seleccionadas buscan abranguer todos os eidos e manifestacións da cultura, entendida de xeito global: Arquitectura e Espazos Públicos, Artes Visuais, Artes Escénicas, Literatura, Música, Patrimonio Cultural, Pensamento e Cultura Científica, Cine e Audiovisual, Iniciativa Cultural e Cultura Tradicional e de Base. Os candidatos poderán ser propostos, a partir de mañá e por prazo dun mes, por ao redor de cinco mil entidades sociais e culturais de todo o país, ás que xa lles foi remitido un convite para participar na elección dos premiados.
Poderán tamén propor nomes os quince integrantes do xurado que se encargará finalmente de decidir os galardóns e que foron seleccionados pola rúa representatividade en cada sector da cultura nas actividades obxecto dos respectivos premios: María Xosé Agra, Rosario Álvarez, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Barreiro Rivas, Xosé Manuel Buxán, María Bouzas, Domingo Docampo, Laura Tato, María Isabel Fraga, Celestino García Braña, Ana Romaní, John Rutherford, Felipe Senén, Xurxo Souto e Ramón Villares.
Na presentación dos premios realizada hoxe no CGAC pola Consellería de Cultura, á que asistiu boa parte do xurado, Ánxela Bugallo e Luís Bará salientaron o intento de implicación de todos os axentes culturais do país, o carácter participativo do proceso, a variedade de premios outorgados e a concepción global de cultura.