Noticias

Feira de LIX

A Boloña en letra grande

24-03-2008
Feira de LIX de Boloña 07

O evento de meirande relevancia da creación para os lectores máis novos, a Feira de Literatura Infantil e Xuvenil de Boloña, desenvólvese entre o 31 de marzo e 3 de abril.

A Feira de Boloña vai polas 45 edicións, desta vez con Arxentina como país convidado. Na de 2007 deu cabida a arredor de 1300 expositores (autores, ilustradores, libreiros, axentes literarios, organizacións internacionais, compañías de publicidade, produtores audiovisuais...) procedentes de 66 países e a case cinco mil profesionais.

As editoriais que asistirán á feira e cuxas obras terán presenza no stand compartido pola Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura serán A Nosa Terra, Everest Galicia, Tambre-Luís Vives, Sotelo Blanco, Galaxia, OQO, Nova Galicia, Kalandraka, Faktoría K, Xerais, Primera Persona, Rodeira-Edebé, Baía, Obradoiro-Santillana, Ir Indo, Biblos, Embora, Toxosoutos e Positivas. Pola súa banda, Kalandraka, Nova Galicia e OQO contarán ademais cun posto propio.

A Boloña viaxarán tamén os escritores Xabier P. Docampo e Ánxela Gracián, en representación de Gálix, a canda María Reimóndez, e os ilustradores Manel Cráneo e Pinturero, como integrantes da AGPI e mais Xosé Cobas.

A delegación da Consellería de Cultura estará presente na entrega dos premios Andersen que concede bianualmente a escrita e ilustración o IBBY e levará adiante os contactos precisos para que se poida ver en Boloña en 2009 unha mostra sobre creación para cativos e rapaces centrada no álbum ilustrado.

A editorial OQO recibirá a mención de honra da Feira para as obras mellor editadas de 2007 pola publicación do Gran libro dos retratos de animais, de Svjetlan Junakovic, editado na colección Sementes de arte e dispoñíbel en cinco linguas.

Durante a feira presentarase tamén un número especial da revista Galicianbooks que, coordinado por Xosé Antón Neira Cruz, contén unha ampla panorámica da escrita contemporánea galega pensada para público infantil e xuvenil.

Dada a relevancia desta feira será tamén un espazo privilexiado para estabelecer contactos que afiancen as iniciativas de internacionalización da nosa literatura que se están levando a cabo recentemente, así como para a participación en actividades relacionadas co ámbito da tradución ou da xestión de dereitos de publicación.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |