Parece haber acordo entre institucións, industria e axentes en que para a cultura galega chegou o momento de abordar a proxección internacional, de estabelecer fluxos de comunicación con outras culturas e de que ese proceso de visibilización leve canda si un unha posta en valor da creación cultural de noso que sexa de ida e volta.
Os pasos principais que se levan dados poñen de relevo a importancia de que Galicia estea presente no eventos daqueles mercados de relevancia estratéxica para a cultura galega: Europa, Iberoamérica e os países lusófonos. Así, a cultura galega comezou recentemente a estar presente nas principais feiras de produtos culturais do mundo: Frankfurt, Boloña, Guadalajara e A Habana no campo do libro e a literatura; Popkomm en Berlín, Womex en Sevilla e Midem en Cannes, no campo da música; a Bienal de Venecia nas artes plásticas e Angouleme e Barcelona no campo da banda deseñada son algúns dos lugares claves nesta viaxe.
Os obxectivos que a Consellería de Cultura sinala nesta política cultural cara a fóra son visibilizar a nosa cultura, apoiar a internacionalización da industria cultural galega fomentando a exportación, estabelecer acordos estratéxicos e tecer redes para incorporar aos creadores galegos nos fluxos culturais internacionais; priorizar as actuacións en Europa, Iberoamérica e os países lusófonos e comprender a cultura galega como eixo clave para a proxección de Galiza no ámbito internacional.
Iniciativas que veñen
Estas son algunhas das iniciativas que se están desenvolvendo de un tempo para aquí, ou que se van pór en marcha ao longo deste ano, nese camiño de situarnos en diálogo coas culturas do mundo.
- Crearase e desenvolverase unha marca e un portal web para promoción exterior da cultura galega, que englobará as submarcas que están xa operando internacionalmente: Letras de Galicia no ámbito hispano, Letras de Galiza para os países de lingua portuguesa e Galicianbooks para outros ámbitos na promoción do libro; así como GalicianTunes para a música.
- Planificarase ao longo deste ano a elaboración de informes sobre mercados e comercio exterior, previstos para os seguintes ámbitos: francófono, anglosaxón, alemán, latinoamericano, e mercados da literatura infantil e xuvenil.
- A Consellaría desenvolverá misións comerciais, en colaboración co Plan de Fomento para as Exportacións Galegas (FOEXGA), para promover a presenza de empresas e profesionais nas principais feiras internacionais, como no caso do libro: Guadalajara e Frankfurt.
- Fomentaranse as coproducións internacionais e circuítos de programación exterior, con experiencias exitosas a través do Centro Galego de Arte Contemporánea, do Centro Dramático Galego, ou no campo da música ou o audiovisual.
- Xa está asentado o programa de axudas con diversas convocatorias para a promoción exterior, que se dirixe tanto a actividades como a axudas para o desprazamento dos creadores, grupos de música, teatro, etcétera.
- Programas de intercambio e cooperación cultural con outros países, a través de bolsas de formación artística e xestión cultural, intercambio en forma de residencias, intercambio de programación, etcétera.
- Colaboración con entidades galegas no exterior para o desenvolvemento de programacións, tal e como se fixo en Barcelona, Lisboa ou Bruxelas, ou a través dos Centros de Estudos Galegos ou dos Lectorados de lingua e cultura galegas.
- Iniciativas de tradución, que inclúe programas de tradución de autores e autoras galegos ao outras linguas, e a elaboración de antoloxías de autores e autoras galegos en castelán e inglés.
- Venda de dereitos, a través da iniciativa ReadGalicia.com, que quere achegar a literatura de Galiza a axentes e editoras de todo o mundo; a súa meta é facilitar o intercambio e venda de dereitos para promover a tradución de obras literarias galegas.
- Difusión exterior, por medio de publicacións e outros materiais de promoción.
- Por último o programa de asistencia a feiras internacionais. En 2007 e 2008 Galiza estivo presente nas principais citas culturais en Europa e Iberoamérica. No ámbito do libro: A Habana, Buenos Aires, Londres, Brasil, Montevideo, Líber en Barcelona, Frankfurt, Guadalajara, e a principal cita do mundo do libro infantil, a feira de Boloña. Na banda deseñada: Angouleme e o Salón do Cómic de Barcelona.
A Habana
Internacionalización é hoxe unha palabra clave na política cultural galega. Galicia comezou a estar presente nas principais feiras culturais do mundo: en 2007 contou cun stand en Guadalajara e o próximo reto nesta andaina será a candidatura como país convidado á que é a feira máis importante do ámbito de América Latina
Neste proceso está sendo clave o 2008 en que Galicia foi a cultura convidada da Feira Internacional do Libro da Habana, que rematou cun balance de 520.000 visitantes, 32 países participantes, 81 expositores internacionais e 1,2 millóns de libros vendidos.
Foi A Habana unha porta de entrada para situar a cultura galega no espazo latinoaméricano, historicamente preferente, e para o estabelecemento de contactos estratéxicos entre os axentes culturais galegos e os da outra beira do océano. Así, a Consellaría de Cultura asinou catro acordos de colaboración: coa Escola Internacional de Cine e TV de Cuba, co Instituto Superior de Arte, co Instituto de Literatura e Lingüística e co Museo Nacional de Belas Artes.
Tamén se desenvolveron alí dous proxectos en común con creadores cubanos, que continuarán alén da feira: Descarga ao vivo, un combo de músicos galegos e cubanos no que participou Pablo Milanés e Ópticas cruzadas con cineastas de ambos os dous países.
Ademais de escoitárense as voces dunha cumprida representación dos nosos creadores e creadoras, de poder asistir a espectáculos musicais, de danza, audiovisuais ou exposicións, esgotárense moitos dos libros que os editores galegos puxeron á venda na Feira e o expositor da Cultura recibiu o premio ao mellor stand estranxeiro polo seu coidado deseño.
Os vindeiros pasos
O Salón do Libro de París, entre o 14 e o 19 de marzo, e a Feira internacional do Libro de Londres, a mediados de abril, han ser vindeiros destino para a proxección internacional da cultura galega, neste caso coa vontade de explorar os mercados e de ver as posibilidades de participación para o 2009.
Entre o 31 de marzo e o 3 de abril desenvólvese en Boloña a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Alí a creación galega estará presente cun stand e coa asistencia dos escritores Xabier P. Docampo, María Reimóndez e Ánxela Gracián e dos ilustradores Manuel Cráneo, Xosé Cobas e Pinturero. Presentarase tamén unha antoloxía de literatura infantil e xuvenil creada especificamente para a feira, aí como un número especial da revista Letras de Galicia, dedicada aos lectores e lectoras máis novos.
O gran momento da banda deseñada galega fai do Salón do Cómic de Barcelona na súa da XXVI edición, que terá lugar entre os vindeiros 17 e 20 de abril, un dos espazos de obrigada visita. A ampla panorámica do mundo da ilustración de Galicia adquirirá un protagonismo aínda maior grazas á mostra antolóxica de David Rubín que instalará a organización da feira.
Feira do Libro Infantil e Xuvenil en Boloña
Cartel da 26 edición do Salón do Cómic de Barcelona
Recinto da Feira da Habana
Stand de Galicia para feiras no exterior
Stand de Galicia para feiras no exterior
Nave de Galicia na Feira da Habana
Nave de Galicia na Feira da Habana