Chus PatoContinúa Chus Pato no libro Hordas de escritura o labor á contra do desposuimento da linguaxe, o seu “Ganxes de palabras”.
Catro anos desde Charenton. Cóntanos do proceso até este Hordas de escritura.
Non foi fácil, eu diría que foi un proceso accidentado e cun momento de case case tirar a toalla. Desde o comezo estaban as hordas, explícome: máis ou menos desde Nínive deime de conta de que a min o verso libre non me valía, de que non cabía dentro del o que quería escribir ou o que a min se me impoñía como escritura.
Comezou entón un proceso de estoupido dende dentro que colleu un novo rumbo en m-Talá. Consistiu en aproximar os códigos poéticos transitados no XX a estruturas literarias non poéticas (narrativa, dramaturxia, filosofía, outros discursos tanto auditivos como icónicos, da alta ou da baixa cultura, etc.) de tal xeito que desta laminación xurdise unha sorte de estoupido no código poético, que a un tempo resiste e se transforma nun fluído que se adapta ao desexo e á necesidade da miña escritura.
Este concepto de horda como unidade poética parte tamén do rizoma deleuxiano, vén sendo como unha estrutura que dá abeiro a unha multiplicidade na que caben de vez percepcións lingüísticas sensoriais e de pensamento, percepcións polo tanto carnais e lingüísticas. Acontece entón non unha hibridación entre distintos xéneros, senón unha mutación do poético.
O libro forma parte dunha pentaloxía iniciada en m-Talá. O peso da filosofía é esta vez tan contundente coma nos anteriores?
Nas dúas primeiras partes de Hordas, a escritura xurdiu do contacto entre o código poético e dúas novelas, a primeira de Peter Handke e a segunda de Robbe-Grillet (foi nesta segunda onde estiven a piques de deixalo pois houbo un momento en que crin non poder continuar). Finalmente relendo e relendo a Hölderlin puiden seguir adiante, e é que aquí en Tebas, na idea dunha orfandade radical, dun parentesco danado, todo se me fixo moi moi difícil.
Grazas a Hölderlin e a retomar as prescricións do primeiro romanticismo alemán puiden aceptar un camiño que a min me daba moito medo, un camiño tremendamente emocional que me conduciu á terceira parte. Nesta a mutación veu da man de Giorgio Agamben; nese sentido si pode dicirse que a filosofía está aí, na medida en que eu puiden entender, aproximarme aos conceptos agambianos.
Lemos, 'verdadeiramente poeta é aquela/aquel cuxa musa foi integramente destruída'. Fálanos sobre isto
Agamben constrúe mediante unha serie de proposicións a súa idea do que é ser humano, son proposicións do tipo -e cito de memoria- “Humano é aquel cuxa humanidade foi integramente destruída...” (refírese á humanidade destruída en Auswich, á humanidade reducida a graxa para xabón, superfosfato para o chan, carteiras e zapatos para a venda...). Eu tomei esta maneira de avanzar e substituín humano por poeta (no sentido en que toda a poesía foi destruída en Auswich, na guerra civil, nos 40 anos de franquismo, en Guantánamo, etc.).
Ser poeta é ser ese resto, a testemuña desa destrución. Desde este punto de vista o verso de Hölderlin “o que permanece é o que fundan os poetas” pode lerse non no sentido trivial de que a obra dos poetas é algo que perdura, senón no de que a palabra poética é a que adopta o papel de resto, e por isto, por ser testemuña da destrución, nomea o inesquecíbel. É ese resto o que nos dá abeiro e sentido, o que nos funda.
A intensidade e a ruptura presente nos teus poemarios fannos pensar nunha concepción da escrita en que aínda son posíbeis evolución e intervención.
Moito me gustaría que así fose, que eu puidese continuar escribindo, que esa miña escritura seguise evolucionando e que continuase a ser intensa e diferente ao realizado até o de agora, pero eu non son dona do que escribo, depende non só de min senón en gran medida do propio poema. Escribir é unha aventura e toda aventura é afecto, pero é unha aventura incerta porque require sempre un novo salto no baleiro ou no abismo e nunca se sabe de antemán o que vai resultar... o salto é sempre incerto, nunca se sabe.
Falaches tamén da entrada neste poemario dos últimos libros de poesía galega lidos. De que poéticas te sentes cerca?
Eu síntome moi preto da poética ferriniana e da concepción poética dos e das integrantes do grupo LANGUAGE, é dicir, daqueles e daquelas que escriben desde unha posición na que saben que vivimos nun mundo post humanista, no que tamén a linguaxe foi arrasada e roubada e que polo tanto non é un medio neutral nin inocente, razón pola que o poema debe ser ideado máis alá do preciosismo, do nivel dun berro ou dun silencio máis terríbel que un berro.
Isto pode expresarse de moitas formas, hoxe resumiríao así: que me sinto cerca das poéticas que consideran que a metáfora, ademais de todas as súas definicións canónicas, é unha praxe, a escritura sentido, o sentido orixe (unha multiplicidade de orixes, as túas, as miñas, as nosas, as deles –no sentido que Jean Luc Nancy lle dá á palabra orixe–), a orixe política e a política mente (aberta). Non escriben poemas sobre política, non tratan de ser didácticos ao respecto desta ou daqueloutra ideoloxía, por xenial e benéfica que sexa, nin transmisores, senón que inventan unha política e un pobo futuro, que transforman a percepción e a linguaxe, e con ela o real do mundo, que constrúen unha verdade de idioma, unha secesión no idioma.
Síntome cerca de libros como Bingo de Pilar Beiro, d'Os hemisferios de María do Cebreiro, de Éxodo de Daniel Salgado, de Plan de fuga de Alberto Lema, d´As derradeiras conversas co capitán Kraft de Oriana Méndez, e moi cerca da escritura inédita de Raida Rodríguez.