Castelo de VimianzoLogo de iniciativas semellantes desenvolvidas nos últimos anos en Compostela ou Pontevedra, o Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo, en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística do IES Terra de Soneira ceiba no Castelo de Vimianzo, este venres 29 de febreiro ás 12 da mañá, perto dun cento de libros doados polo propio centro escolar e pola Biblioteca Municipal de Vimianzo. Dende marzo de 2007, cando o Castelo pasou a ser un punto oficial de intercambio, saíron de alí uns 145 libros, doados por distintas librarías, bibliotecas ou editoriais, ademais de por particulares. Un de cada cinco libros liberados en Vimianzo atópase aínda localizado, pois as persoas que os recolleron inscribiron os seus datos no rexistro da obra.
Ademais desta ceiba, o Concello anima a todos os cidadáns a unírense á actividade. Este 29 de febreiro celébrase o Día Internacional de Bookcrossing. Calcúlase que en todo o mundo a web que rexistra os intercambios conta con medio millón de membros, con máis de tres millóns de libros na súa base de datos.