Noticias

Con Cuba e Xabier Docampo

O Salón do Libro bótase ao mar

22-01-2008
Cartel Cartel

Dende esta semana e ao longo de febreiro ten lugar o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Este ano o Salón espallará pola cidade exposicións, representacións teatrais, proxeccións audiovisuais, obradoiros de creación literaria, de vídeo, danza e graffitis. O mar, Cuba e a obra de Xabier P. Docampo serán os eixos fundamentais do programa.

Boa parte das actividades deste Salón mirarán cara ao mar, motivo escollido para esta edición, e en Cuba, país convidado, quince días antes de que Galiza chegue á Habana como cultura convidada na súa Feira do Libro. No Salón estarán presentes escritores entre os que se atopa Marta Dacosta, Miguel Vázquez Freire, Paco Martín ou Rosa Aneiros. Participarán tamén a autora e especialista en literatura infantil Teresa Durán e Antonio Ventura, director de Anaya infantil e xuvenil.

No Pazo da Cultura poderanse ver até nove exposicións, entre elas Vai de Mar, de Galix, Maquetas a mares, dos alumnos da Facultade de Belas Artes, A ilustración en Cuba ou Xabier P. do Campo, Tecedor de contos. Tamén a Biblioteca Municipal, a Galería Sargadelos e o Instituto Torrente Ballester acollerán exposicións.

Para os pequenos, haberá cursos de poesía, de ilustración, de música e mesmo de creación de curtas co móbil ou un obradoiro de graffitis do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro. Entre os dirixidos a adultos, atopamos os que ofrecerán os escritores Xosé Miranda, Yolanda Castaño ou a cubana Luisa Campuzano.

Haberá tamén teatro: Los domingos no hay piratas, La isla del tesoro, El viejo y el mar ou El Ladrón de Islas e mesmo unha obra dirixida especialmente a bebés: Glub, glub. E non ha de estar ausente o audiovisual, coa proxección de títulos como Santa Liberdade de Margarita Ledo, A mariñeira de Antón Dobao ou Balseros de Carles Bosch e Josep María Doménech.

Tamén conferencias, mesas redondas e concertos, para completar un programa que terá na última semana de xaneiro e primeira de febreiro o seu núcleo malia que estenderá a súa actividade, no relativo ás exposicións, até mediados de marzo.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Documentos:

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |