ESTARÁ NAS MELLORES FEIRAS INTERNACIONAIS
A banda deseñada galega tamén sae ao exterior
18-01-2008
As últimas creacións dos nosos ilustradores serán presentadas o vindeiro 24 de xaneiro en Angoulême.
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, reuniuse onte en San Caetano coa Mesa pola Banda Deseñada para deseñar o plan de actividades que se destinarán á promoción da banda deseñada este ano. Ao igual que vén acontecendo coas políticas do libro nos últimos meses, un dos obxectivos principais é internacionalizar o cómic galego. Como punto de partida destas accións, a banda deseñada galega terá un stand de seu no Festival de Angoulême, que se celebra do 24 ao 27 de xaneiro e se recoñece como un dos máis importantes do mundo.
O espazo galego en Angoulême presentará a exposición ‘A Banda Avanza’ e mais unha selección de publicacións feita pola Mesa da BD, entre a que figuran nomes como Antonio Seijas, David Rubín, Fausto Isorna, Manel Cráneo, Kike Benlloch, Miguelanxo Prado, Pepe Carreiro, Norberto Fernández ou Xaquín Marín, entre outros. Tamén se repartirá o CD ‘BDG’ do Consello da Cultura Galega e catálogos da mostra ‘Dez anos de viñetas’.
Na xuntanza de onte participaron representantes de BD Banda, AGPI, Viñetas desde o Atlántico, Casa da Xuventude de Ourense, Consello da Cultura Galega, Salón do Cómic de Cangas e un grupo de profesionais de bibliotecas. Este grupo de traballo leva tomado desde 2006 diversas accións dirixidas a profesionais e asociacións do sector, como bolsas de creación, residencias e cursos formativos promovidos pola AGPI ou o CCG.
Despois de Angoulême, a banda deseñada galega tamén terá un espazo de seu na Feira do Libro da Habana o vindeiro febreiro, na que Galicia é cultura convidada. Alá instalarase unha exposición que recollerá a creación da BD galega na última década, coa presenza de autores e deseñadores. Máis adiante, o Festival de Beja e a Bedeteca de Lisboa contarán por primeira vez cunha representación galega, que tamén repetirá un ano máis no Saló do Cómic de Barcelona e nas feiras do libro de Boloña e de Frankfurt.
Imprimir