CON 60.000 TÍTULOS
A Biblioteca Pública de Santiago abrirá en marzo
03-01-2008
Os traballos céntranse agora na adquisición de volumes, publicacións e material dixital.
A nova Biblioteca Pública de Santiago de Compostela entrará en funcionamento en marzo. O persoal destinado pola Consellaría de Cultura, composto por dezasete persoas, está a traballar na dotación de fondos, o proceso técnico e a implantación do sistema informático e o de telefonía para que nese mes a Biblioteca poida abrir as súas portas.
A Consellaría farase cargo da xestión do edificio unha vez asine co Ministerio de Cultura o convenio para o seu traspaso. Neste momento, os traballos céntranse na adquisición de títulos. A colección consta de máis de 60.000 títulos, cunha importante presenza de dvds (documentais, cine independente e cine galego), cds musicais, programas informáticos, publicacións periódicas, unha ampla colección de libros para público infantil e unha bedeteca cunha coidada representación da banda deseñada galega. Aos 300.000 euros investidos na merca de fondos sumaranse outros 200.000 ao longo de 2008.
Imprimir