Noticias

Ao festival de Angouleme

A banda deseñada galega vai ás ferias internacionais

09-11-2007
A banda deseñada galega vaise dar a coñecer no exterior coa participación desta en eventos internacionais especificamente ligados ao debuxo e tamén noutros máis xerais da industria editorial. Neste sentido o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, informou o Parlamento das actuacións para a promoción da banda deseñada.
Unha destas primeira actuacións vai ser a participación cun posto de seu no Festival de Angouleme (Francia), a principal feira da banda deseñada en toda Europa. Así e en colaboración con representantes do sector da banda deseñada, a Consellaría levará do 24 ao 27 de xaneiro a Angouleme un stand informativo sobre a banda deseñada que se fai no noso país e unha selección das principais obras e autores. A delegación galega terá un enfoque divulgativo e tamén profesional na medida en que tamén se pretenden establecer contactos de cara á venda de dereitos e establecer colaboracións. Neste sentido, Angouleme constitúe a cita de referencia no continente europeo tanto para a industria editorial como para os autores.

Tamén está previsto a asistencia ao Saló do Cómic de Barcelona, o principal evento específico en banda deseñada na Península Ibérica. Desta maneira consolídase a asistencia de Galiza, que xa estivo presente cun stand oficial de seu na edición deste ano.

A promoción internacional tamén inclúe a partipación en feiras internacionais do mundo editorial, como son as feiras do libro de Boloña e de Frankfurt, a máis importante do mundo. A banda deseñada galega tamén terá un espazo de promoción no marco da Feira do Libro da Habana, da que Galiza será país convidado no ano 2008. Na capital cubana, instalarase unha exposición que recollerá a creación da banda deseñada galega na última década e asistirán autores e deseñadores.

Estratexia coordinada con todo o sector

Desde o primeiro semestre do 2006, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural creou un grupo de traballo sobre banda deseñada no que están integrados o Consello da Cultura Galega, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), a asociación Polaquia, a asociación BD Banda, as Xornadas de Banda Deseñada de Ourense e o Festival Viñetas desde o Atlántico.

O obxectivo é consolidar as bases que precisa a creatividade que están a amosar os autores galegos. O resultado é que, por primeira vez, a banda deseñada galega conta cun completo programa de apoio. Xunto á promoción internacional estáse a traballar na adquisición e difusión de obras, exposicións e actividades formativas en centros escolares, bibliotecas e librarías.


Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |