MERCADO EXTERIOR
Galicia quere ser país convidado da Feira de Guadalajara 2011
26-11-2007
Galicia presentará a súa candidatura para ser o país convidado de aquí a catro anos.
A titular da Consellería de Cultura e Deporte, Ánxela Bulgallo, fixo este anuncio despois de reunirse coa directora da FIL, Nubia Macías, con quen negociou unha maior presenza da literatura galega neste escaparate.
Segundo manifestou a conselleira, a expedición galega na FIL de Guadalajara forma parte dunha estratexia de internacionalización que quere gañar novos mercados para as nosas letras. América é prioridade destes plans de expansión e a feira mexicana pasa por ser unha das principais vías de entrada no continente. Está previsto que, a comezos de 2008, Cultura presente a súa candidatura a país convidado na feira de 2011.
Nubia Macías considerou “moi importante que a cultura galega estea presente en Guadalajara” e asegurou que Galicia pode aspirar con garantías a ser a convidada da seguinte edición. A vindeira cita do libro galego no exterior terá lugar na Feira do Libro da Habana, que se celebrará en febreiro de 2008. Alí, Galicia si comparecerá como cultura convidada.
Imprimir