Noticias

LETRAS GALEGAS

2008, ano de Xosé María Álvarez Blázquez

17-12-2007
Xosé María Álvarez Blázquez
O ano de María Mariño axiña virá ceder o testemuño ao do prolífico autor e editor tudense.
As letras galegas lembrarán en 2008 unha figura difícil de catalogar por mor da amplitude e a diversidade da súa produción cultural. Intentou todos os xéneros literarios, deixou unha extensa obra de investigación histórica e etnográfica e exerceu a docencia, a arqueoloxía e a profesión editorial.

Autor multixenérico e activista incansábel a prol da cultura, o labor de Álvarez Blázquez mesturou creación e promoción a partes iguais. A fundación, xunto ao seu irmán Emilio Álvarez Blázquez, da Editorial Monterrey en 1950 -ano en que tamén nace Galaxia- supuxo unha contribución decisiva ás nosas letras logo do prolongado silenciamento franquista. A súa intensa actividade editorial culmina en 1964 coa Editorial Castrelos, que fixo moito pola divulgación dos clásicos galegos e máis aínda pola recuperación da literatura popular mediante as coleccións O Moucho e Pombal.

En canto á súa produción literaria, Álvarez Blázquez escribiu en galego e castelán, sobre todo poesía en galego e narrativa en castelán. En Canle segredo atópase a súa lírica máis depurada e persoal, abeirada na memoria da infancia e no misterio do cotián, expresada á maneira íntima que fora dalgún xeito avanzada en Roseira do teu mencer. Poemas de ti e de min e Cancioeiro de Monfero son composicións neotrobadoristas que demostran -especialmente a segunda- a admiración do autor pola lírica medieval e o seu amplo coñecemento da mesma. Entre a obra narrativa, a súa novela máis recoñecida é En el pueblo hay caras nuevas, finalista do I Premio Nadal.

A divulgación da obra e da persoa de Álvarez Blázquez coñecerá un pulo importante en datas vindeiras. Contra a chegada de 2008 irán saíndo do prelo un feixe de publicacións sobre a figura do tudense. Galaxia publicará, na colección Dombate, unha reedición de Canle segredo e varios inéditos do autor, entre eles a súa narrativa galega completa. Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta e fillo de Álvarez Blázquez, está a elaborar unha Memoria do pai. Pola súa banda, o tamén poeta Xavier Rodríguez Baixeras está a preparar unha ambiciosa antoloxía da poesía galega do autor.

Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |