Noticias

DIFUSIÓN

Feiras do libro internacionais

01-10-2007
Maqueta Maqueta
LIBER desenvolveuse en Barcelona do 3 ao 5 de outubro e contou coa presenza dun posto da Consellería de Cultura e Deportes e da Asociación Galega de Editores, así como coa asistencia da escritora Teresa Moure, que desenvolveu actividade de promoción da súa obra na cidade catalá.
En Frankfurt, entre o 10 ao 14 de outubro, e con Cataluña como país convidado, tivo lugar a Feira internacional do libro. O día 12 presentouse a web Read Galicia, que quere ser unha xanela desde a cal amosar a nosa literatura por medio dunha compilación dinámica e atractiva de libros galegos, facilitando a posibilidade de acceder a quen teña a propiedade dos dereitos para futuras traducións a outras linguas. Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Queipo e María Reimóndez estiveron o día 13 na presentación do libro Vinte poemas que, por iniciativa da Consellería de Cultura, compila poemas galegos traducidos ao alemán a partir dun traballo conxunto no Galicien Zentrum da Universidade de Trier.

E na cidade alemá estiveron tamén, en representación da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Suso Cubeiro e Xurxo García Bello. A cidade mexicana de Guadalajara contará por primeira vez, na Feira realizada entre o 24 de novembro e o 2 de decembro, nun posto da Consellería de Cultura e da Asociación Galega de Editores. Alí terá lugar unha presentación da revista mexicana Reverso, publicación sobre literatura de hoxe, cun último número que contén un especial sobre poesía galega contemporánea.

Galicia será cultura convidada de honra na próxima Feira internacional do libro da Habana, o evento de máis transcendencia cultural en Cuba e con notábel influencia en Latinoamérica, que se realizará do 13 ao 24 de febreiro do ano 2008. A participación na Feira, que se desenvolve ao longo de 10 días e conta cunha participación masiva de público cubano e con representación de editoriais e institucións de aproximadamente 40 países, maiormente do ámbito latinoamericano, centrarase no ámbito editorial e literario (exposición-venda de libros, conferencias, mesas redondas, recitais), ao que se unen outro tipo de actividades como exposicións, concertos ou espectáculos para público infantil.

A esta actividade sumarase programación cultural paralela, que se desenvolverá na Habana con motivo da Feira. Para materializar esta programación cóntase coa colaboración das autoridades cubanas, que porán ao dispor de Galicia os espazos culturais da cidade: museos, salas de exposicións, teatros e auditorios, cinemas, centros universitarios. Vai ser esta, daquela, unha magnífica oportunidade para presentar unha imaxe actual do dinamismo e da vitalidade da cultura galega contemporánea, atendendo as relacións históricas e culturais entre Galicia e Cuba.

Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |