MARÍA MARIÑO
Cantiga da costureira poeta
03-04-2007
Esta mostra sobre María Mariño está composta con ilustracións orixinais de Alfonso Costa. Acompáñase dun tríptico informativo e dun libro con textos de Xosé Agrelo Hermo, escritor e fundador da editorial Toxosoutos que faleceu recentemente.
Os materiais están dirixidos ao público infantil de entre 6 e 10 anos e, dunha maneira sinxela e didáctica, percorren a vida e mais a obra da poeta. O libro Cantiga da costureira poeta de Xosé Agrelo Hermo revela a forza de expresión pura e autodidacta da autora de Palabra no tempo e Verba que comenza, descobre o periplo que realizou María Mariño desde o seu nacemento en Noia e o seu paso polo Pazo de Goiáns até Lampón, O País Vasco e O Courel. A exposición, centrada enteiramente na escritora a quen se lle dedica este 2007, percorrerá distintos centros educativos do país ao longo de todo o ano.
Imprimir