CAMPAÑAS PARA LER
Máis recursos para a industria do libro e o fomento da lectura
05-12-2006
O vindeiro ano intensificaranse as campañas de fomento da lectura que se dotarán orzamentariamente con 1,2 millóns de euros. As iniciativas desenvolvidas no 2006 recibirán un anovado impulso, tanto aquelas de carácter xeral como "Abril, mes do libros" e as accións de Nadal como aqueloutras sectoriais que achegaron a nosa literatura ás casas de turismo rural, aos medios de transporte ou aos centros de saúde e hospitais.
Tamén se estenderán ás accións de "Pan con poesía" para o fomento da lectura da nosa produción poética. O orzamento de 2007 da Consellería de Cultura e Deportes incrementou nun 20% os recursos financeiros dirixidos finalmente á industria editorial e ao fomento da lectura. As axudas para a edición do libro galego sumarán 1,35 millóns de euros. Cómpre salientar dúas novas convocatorias de axudas, unha primeira que terá como beneficiarias as bibliotecas de asociacións e fundacións, ás que se dedicará unha partida de 100.000 euros, e unha segunda para o fomento da lectura a través de asociacións culturais, veciñais, de mulleres, xuvenís e anpas, concedéndolle unha especial atención á formación de clubs de lectura, na que se investirán 120.000 euros no ano 2007.
En 2007 porase igualmente unha énfase especial na mellora dos fondos de bibliotecas (1,8 millóns), na dotación de equipamento para bibliotecas municipais (350.000 euros) e na mellora dos servizos das bibliotecas nodais.
Imprimir