Noticias

FERRAMENTA PARA A REDE DE BIBLIOTECAS

Proxecto Meiga

02-05-2006
Proxecto Meiga Proxecto Meiga
No principio foi o computador. Hai nove anos, e con internet anunciando novos tempos para as comunicacións mundiais, Galicia andaba un primeiro chanzo coa chegada dos primeiros computadores ás bibliotecas do país. Para poñelos a funcionar no noso contorno bibliotecario cumpría unha ferramenta básica adaptada ao día a día, e aí é onde nace o Proxecto Meiga.
Pouco máis de tres ducias de centros dispoñían de computador cando o Meiga comezou a axudar os bibliotecarios a axilizar as tarefas de xestión bibliográfica ao tempo que lles puña aos usuarios os andeis a un par de clics no teclado. Algo que agora pode parecer tan sinxelo como facer unha busca rápida entre os volumes, ben por autor, por título ou por materia, pasaba a ser tarefa informaticamente acelerada. De xeito paralelo simplificábase e organizábase electronicamente a catalogación e permitíase unha xestión rápida dos empréstitos.

Ben é certo que nalgúns lugares existían xa os primeiros asomos de bases de datos, pero tratábanse de sistemas elementais a xeito de remendos para cubrir a inexistencia de estándares comúns. Así, o trebello puxo a semente da que sería a futura rede de bibliotecas galegas, interconectadas na rede e sendo á vez malla común e con capacidade de intercambiaren datos. Recoller a sabedoría da práctica dos propios bibliotecarios foi o propósito do Meiga na súa seguinte edición e, máis tarde, Meiga 2001 adaptouse á evolución dos novos equipos informáticos e espallouse por bibliotecas municipais, centros escolares, asociacións culturais, fundacións, arquivos, museos, centros xuvenís e institucións diversas. Cara ao salto das bibliotecas a internet brincou a que de momento é a última actualización do programa. Medrando en capacidades e sen perder as súas facultades profesionais, simplificando o seu manexo nun atractivo contorno de traballo guiado por piratas, bruxas, 'quixotes', gatos ou curuxas.

A rede de bibliotecas abeirada en internet baixo o Proxecto Meiga acolle 423 centros, con 2.109.471 exemplares catalogados. A metade son bibliotecas escolares, 223, ás que se lle engaden 153 municipais e 31 doutras institucións, incluída a do Centro Galego de Barcelona, até agora a única de fóra de Galicia. O Proxecto está promovido polo Centro Bibliográfico de Galicia, que recolle e organiza toda a produción impresa galega. Catálogos, incunábeis, prensa antiga, gravados, imaxes, planos, partituras... Desde a web poden consultarse os catálogos, navegar o portal infantil Ourizo azul, e visitar a Biblioteca Dixital de Galicia, con fondos dixitalizados dunha importante parte do patrimonio bibliográfico galego: monografías, manuscritos, prensa antiga, cartografías...

Imprimir


Sen comentarios


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Reportaxes:

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |