As funcións da tradución eran fornecer o canon galego dos clásicos universais e mais servir de estímulo para a produción propia e a normalización da lingua ao crearse a necesidade de expresar novos contidos, así como rexistros. Entre os pasos para promover a tradución literaria, cómpre mencionarmos o primeiro ano de funcionamento da Asociación de Tradutores Galegos (ATG, 1984).
Falamos con Xosé María Gómez Clemente, presidente da ATG desde o 2003, que nos verifica que a Asociación se funda “cando unha serie de persoas ligadas á cultura galega se decataron de que a tradución podía, e debía, ser un elemento revitalizador e normalizador da cultura, continuando un labor comezado na época Nós. A Asociación tamén se creou para defender os dereitos dos tradutores, nun momento en que o seu traballo estaba infravalorado”.
E por necesidade e obriga cara á lingua galega, a Administración promove subvencións e actuacións no tocante á tradución e a edición.
A implantación do tecido industrial da edición en Galicia trouxo consigo a necesaria profesionalización de cada axente que conformaba ese proceso editorial nos anos noventa, así como a xestión dos dereitos de autoría e tradución. Daquela, a porcentaxe de tradución non chegaba a un dez por cento da produción total en galego.
Entre as novas editoriais de carácter privado que se deron de alta na época contemporánea, atopamos a creación de Faktoría K de Libros (2004) e Rinoceronte Editora (2005).
Estas dúas editoriais responderon a un obxectivo común, cubrir unha carencia no mercado editorial galego, pero de natureza diferenciada. Por unha parte, cóntanos Xosé Manuel González Barreiro, coordinador editorial de Faktoría K, que “nace como un proxecto alentado e arroupado por Kalandraka Editora, co obxectivo de complementar e diversificar a súa oferta editorial. Daquela, consideramos que debiamos posibilitar a creación, tradución e difusión de xéneros que non tiñan un tratamento estábel por parte das editoras galegas existentes ou ben nin sequera eran tidos en conta”. Por outra parte, Rinoceronte tiña “a vontade de ocupar un oco que nos parecía baleiro no mundo editorial galego: a tradución literaria doutras linguas, máis alá do inglés e o francés”, coméntanos Penélope Pedreira, responsábel da edición de poesía de Rinoceronte.
O neno do pixama a raias en Faktoría K
Antoloxía de Anna Akhmátova en Rinoceronte