A nova Biblioteca Pública Ánxel Casal inaugúrase o venres 28 de marzo ás 19.30 horas e responde á necesidade de Santiago de Compostela de contar cun espazo para a lectura axeitado ás necesidades da cidade. Substitúe a antiga Biblioteca Pública, situada na praza de Salvador Parga desde 1955 e que, por superficie, equipamento e desactualización dos seus fondos resultaba insuficiente.
O novo edificio atópase na Avenida Xoán XXIII e foi trazado polo arquitecto Andrés Perea Ortega, que deseñou unha construción polivalente e funcional, na que sobresae a fachada acristalada. Ten unha superficie útil de máis de 5.800 metros cadrados, distribuída en soto, planta baixa e catro andares.
A Biblioteca Pública Ánxel Casal abre as súas portas cuns 60.000 volumes, que inclúen libros, prensa, banda deseñada, audiovisuais e música, e un cadro de persoal de trinta e sete persoas, o que a converte nun centro de referencia no conxunto do país.
Ánxel Casal
A biblioteca levará o nome de Ánxel Casal, en recoñecemento do traballo de quen era alcalde de Santiago -até a súa morte en 1936 por mor do levantamento fascista- e editor e do compromiso deste intelectual galeguista cos libros e coa difusión da nosa cultura.
Casal fundou a coruñesa Editorial Lar con Carré Alvarellos en 1924 e en 1927, co apoio da súa compañeira, María Miramontes, creou a Editorial Nós, da que saíron A Nosa Terra e a Revista Nós, ademais de promover e colaborar noutros proxectos editoriais republicanos, galeguistas e sindicalistas daqueles anos.
O que ofrece a biblioteca
Os arredor de 60.000 volumes cos que abre a biblioteca inclúen fondos impresos (libros, revistas e banda deseñada) audiovisuais (películas, documentais e discos) e biblioteca electrónica, con posibilidade de acceso a Internet e a todo tipo de recursos virtuais.
O seu horario de apertura será ao longo do ano de luns a venres de 8:30 a 21:00 h e de dúas horas os sábados á mañá (10:00 a 14:00 h). No verán permanecerá aberta de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30 h.
Os diferentes servizos da biblioteca organízanse en catro niveis, que van da planta baixa ao terceiro andar.
Planta baixa: Multimedia, Hemeroteca, Bedeteca e Salón de actos
Primeiro andar: Infantil
Segundo andar: Empréstito
Terceiro andar: Consulta e investigación
Biblioteca electrónica
Como facerse usuario/a da biblioteca
A entrada á Biblioteca e o acceso á maior parte dos fondos e servizos é libre e gratuíta. No entanto existe a posibilidade de contar con carné de usuario, que permite utilizar os servizos da biblioteca que requiren identificación, coma o servizo de empréstito e o acceso a internet.
Para ter carné de usuario é preciso encher unha solicitude na propia biblioteca ou a través de internet. Para recollelo é necesario mostrar o DNI ou o pasaporte e achegar unha foto. Os menores de 14 necesitan a autorización dunha persoa adulta.
Este carné é ademais válido para todas as bibliotecas participantes do catálogo: bibliotecas públicas nodais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo e a Biblioteca Municipal de Ferrol, e todas as bibliotecas de Arquivos e Museos así como a do Consello da Cultura Galega.
Datos de contacto
Biblioteca Pública Ánxel Casal
Avenida de Xoán XXIII s/n
15704, Santiago de Compostela
881 999 401
biblio.publica.santiago@xunta.es
Ánxel Casal
Ánxel Casal e María Miramontes