Dossiers

Marga Rodríguez Marcuño na presentación

Simone de Beauvoir non naceu en galego


12-03-2008

No centenario do nacemento da filósofa clave do feminismo do pasado século, presentouse a tradución do primeiro volume da súa obra máis recoñecida, O segundo sexo.

Á seis e media da tarde do 11 de marzo, encadrado no tempo do Día internacional da muller traballadora, un acto no hotel compostelán Palacio del Carmen servía como presentación do volume. Non é adoito en eventos deste tipo ver unha sala ateigada por centos de persoas, pero este era un libro agardado, hoxe na rúa nunha coedición entre Xerais e a Secretaría Xeral de Igualdade, máis desde que o editor, Manuel Bragado, anunciou días atrás no blog que mantén, Brétemas, que axiña ía saír á luz.

Encargáronse de conducir a presentación as actrices Mela Casal e Gloria Rico, Carmen Dor cantou letras de Castelao ou Rosalía nos intervalos das intervención do editor, Manuel Bragado; da tradutora, Marga Rodríguez Marcuño; da encargada de revisión filosófica e do limiar, África López; da catedrática de Filosofía Moral e Política, María Xosé Agra e da secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán.

Manuel Bragado referiuse ao inicio do proxecto, no ano 1998, por iniciativa de María Xosé Queizán, directora da colección "As literatas", daquela “coa pretensión de que coincidise a súa presentación co cincuentenario da publicación da obra”. Foron precisos finalmente nove anos de traballo, e está previsto que no vindeiro novembro saia á rúa o volume II, 'A experiencia vivida'. Logo de expresar a súa admiración polo traballo da tradutora e da revisora da obra, Bragado aludiu ao feito de que este texto abriu temas clave para o avance das mulleres durante as últimas décadas e a que malia non ser a sociedade que de Beauvoir propón un proxecto atinxido, si que se trata ''dun proceso en marcha''. Manifesou o editor, así mesmo, o seu desexo de que a publicación axude a vencer moitos dos estereotipos patriarcais e comportamentos machistas aínda vixentes e sirva en moitos casos para ''revisitar a obra de Simone de Beauvoir, agora na nosa lingua'', e se converta, noutros, ''nunha oportunidade para que novas xeracións de mozas e mozos se acheguen á autora por vez primeira''.

A seguir, Marga Rodríguez Marcuño, licenciada en Filoloxía Románica e profesora de Lingua e literatura galegas, iniciou a súa vez aludindo á “emoción por facer falar a Simone de Beauvoir en galego” así como á responsabilidade que sentira estes anos ao “enfrontarse á tarefa de traducir a filósofa feminista máis lida do mundo” e a un volume de case mil páxinas. Mencionou tamén a axuda que para ela fora o traballo previo de tradución da autora para o monográfico que lle dedicara a revista Festa da palabra silenciada.

Así mesmo, lembrou que ao longo do traballo foi vendo da necesidade de contar con alguén que se encargase da revisión temático-filosófica, que “referendase as opcións de tradución, a puntuación, a utilización do feminino xenérico cando o orixinal o permitía”. Aquí incorporouse ao proxecto a doutora en filosofía África López Souto, quen reivindicou a figura de Simone de Beauvoir como a pensadora capaz de “darlle unha volta de rosca ao suxeito moderno” e aludiu á previa exclusión sistemática da muller no ámbito do pensamento filosófico “serio”. Tamén se detivo na condición de feminista de de Beauvoir desde o momento en que analiza ''non so o eu senón tamén o eu muller'', así como outras problemáticas como a maternidade ou a vellez, e sinalou que o mérito meirande do seu pensamento foi “ter dado consistencia teórica aos estudos sobre a muller”.

A “persistente relevancia” desta obra de Simone de Beauvoir foi subliñada por María Xosé Agra no comezo das súas palabras, ao cualificala como ''clásico'' do que ''a teoría do feminismo terá que seguir bebendo'' e como texto clave en tanto que supuxo ''a construción dun novo suxeito teórico e político''. Aludiu tamén Agra á conformación histórica a través do pensamento masculino e a como de Beauvoir reflexiona sobre o que supón definir o outro, “cuestiona ser definida como a outra e atrévese a pensar ela mesma, desde un marco existencialista”. E rematou deixando para a reflexión o feito de que detrás desta tradución haxa mulleres feministas, ao traballo das cales aludira no comezo “desde María Xosé Queizán ata un grupo de rapazas novas chamadas precisamente 'As Simonas'”.

No remate do acto de presentación a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, doutora en filosofía e autora do ensaio publicado en 2003 por Espiral Maior, Feminismo e coñecemento. Da experiencia das mulleres ao Ciborg, valorou a obra de Simone de Beauvoir por ser a que ''inspirou gran parte do feminismo teórico da segunda metade do século XX”, a capacidade da filósofa francesa para “transformar e borrar as fronteiras entre o privado e o público” e aludiu á necesidade de recuperar as mans e de pór en cuestión a centralidade do traballo e da produción, así como de levar adiante políticas transversais en materia de igualdade.




Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |