Dossiers

Exposición da Feira da Habana

Galicia leva a súa cultura á Habana


06-03-2008 Galicia é país convidado de honra na Feira internacional do libro da Habana. É a primeira vez que a cultura galega desempeña un papel protagonista na escena internacional da industria editorial e faino en Cuba.
A Feira Internacional do Libro da Habana actúa como punto de encontro do sector do libro e da cultura de Latinoamérica. Malia que a principal feira do negocio editorial de América Latina é a de Guadalaxara (México), é a da Habana un escaparate excepcional no que Galicia pode promocionar e difundir internacionalmente a súa cultura, como antes fixeron Italia, España, Alemaña, Brasil, Venezuela e Arxentina.

Detrás deste fito hai unha planificación para incrementar a presenza da cultura galega na outra beira do Atlántico. A industria do libro galego necesita expandirse cara a fóra para equilibrar o mercado interior reducido e a escasa poboación lectora para o elevado número de empresas do sector e de títulos publicados. Esta expansión da literatura galega esixe unha estratexia de país que presente fóra as letras de Galicia, substituíndo os tópicos por unha imaxe real e actual da cultura galega.

Con este obxectivo viaxarán a Cuba uns 40 escritores e escritoras das diferentes xeracións que conviven hoxe en día en Galicia: desde Neira Vilas até as voces máis novas da nosa literatura, incluíndo os autores de máis éxito editorial como Manuel Rivas, Suso de Toro ou Teresa Moure.

Ademais da delegación literaria, Galicia levará á Habana 8 exposicións que poderán visitarse tanto no recinto da feira como en diversos lugares da cidade. Banda deseñada, escritores e escritoras, fotografía, os vencellos de Galicia con Cuba e con América, arte contemporánea e historia o país e da súa literatura son os temas que abranguen estas exposicións.

No apartado música, están confirmadas as actuacións da intérprete galega Uxía, así como de Nordestinas, Marful e Narf. Estas actuacións virán completar o Proxecto Rosalía XXI, orquestrado por Abe Rábade, Anxo Angueira e Guadi Galego; o Encontro de voces galegas e cubanas, cuxo protagonismo compartirán Pablo Milanés e varias cantantes galegas; e a homenaxe á comunidade galega en Cuba.

As artes escénicas de Galicia achegaranse a través do Encontro de contadores: galegos, cubanos e africanos orquestrado por Quico Cadaval; a danza contemporánea de Pisando ovos; os monicreques para cativos e cativas de Galitoon; e a maxia do Mago Antón.

E, claro, Galicia levará a Cuba libros, decenas de publicacións entre as que cabe salientar as antoloxías de narrativa e poesía que, editadas pola Consellería de Cultura e Deporte, serán repartidas entre os asistentes á feira, creadores de opinión no sector cultural latinoamericano, coa intención de difundir a excelencia da literatura galega “de sempre e máis despois”.





Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |