Dossiers

Biblioteca Ánxel Casal

Ánxel Casal, a biblioteca de Compostela


Puntadas alén do esquecemento

01-10-2007 Naceu María de los Dolores Miramontes Matos en Santa María de Guísamo (Bergondo, A Coruña) a cinco anos de que vencese o século XIX. Filla de xornaleiros que se mudan para a Coruña nos comezos do XX, traballa desde os poucos anos nun obradoiro de costura, aprendendo ao tempo o oficio.
Inserida na tradición republicana da cidade da Coruña, e no agromar do pensamento político galeguista coas Irmandades da Fala, entidade que chegará a superar o número de 200 socias, María atopou o seu grupo na amizade con Elvira Bao, Amparo López Jean ou Pilar Castro. Carente dunha educación regrada, será daquela nestes núcleos republicanos e galeguistas –chega a formar parte da xunta directiva da Irmandade Feminina– onde se configure a súa formación e o seu compromiso político.

Xa como costureira tomara contacto coas nacentes asociacións de traballadores do téxtil (cun peso significativo na Federación Anarquista da Coruña) ou da fábrica de tabacos que, xunto cunha clase media integrada fundamentalmente por mestras, terían relación co nacionalismo. Neste círculo social será onde coñeza a Ánxel Casal, con quen casará en 1920 e iniciará un traballo conxunto no labor editorial polo que hoxe é recoñecido quen foi alcalde de Santiago de Compostela e asasinado en agosto do 36: no comezo en Lar, a canda Leandro Carré, e logo na Editorial Nós "a primeira editorial escrusivamente de lingua galega que tivo Galiza, nascida na Cruña á soma das Irmandades da Fala" en palabras de Luís Seoane. Con Casal crea tamén unha escola aberta e popular, inspirada na Institución Libre de Enseñanza, con ensino bilingüe e ideoloxía progresista, concibida para a formación dos rapaces fillos da clase traballadora, e na que axudarán e darán lección Otero Pedrayo ou Castelao.

Nos primeiros anos Miramontes e Casal viven na Coruña, na rúa Panadeiras, en fronte da casa de Santiago Casares Quiroga, e abren unha pequena tenda de tecidos, en canto ela prosegue co seu traballo de modista e el fai traducións ou dá clase de francés. Debemos ler daquela o compromiso ideolóxico de María Miramontes e do seu grupo como resposta a unha sociedade patriarcal, no contexto dun movemento colectivo de signo feminista e progresista, no momento de esperanza para a cultura, a lingua, os valores cívicos e os dereitos das mulleres que foi a segunda República.

Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Puntos do dosier

Novas relacionadas:

Dosieres relacionados:

Reportaxes:

Ligazóns:

Ánxel Casal

Ánxel Casal

Ánxel Casal e María Miramontes

Ánxel Casal e María Miramontes

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |