Dossiers

María Mariño

María Mariño


O que se di de María Mariño

04-05-2007
Xerardo Agrafoxo
Vinte anos na vila de Noia, vinte anos mudando de casa cada certo tempo e vinte anos residindo nunha aldea do Courel constitúen a síntese biográfica desta poeta que transcendeu ao seu tempo grazas a uns versos que destacan pola súa orixinalidade no tratamento da paisaxe, a presenza obsesiva da morte e a inquedanza ante algo vagamente presentido. Biografía de María Mariño (2007)

Ana Romaní
A escritora María Mariño sitúase nas marxes do sistema literario, por biografía, por obra. Sen vínculos apenas −e sempre por mediación− co medio cultural do seu momento, as pegadas desta muller que accede ao mundo das letras con 50 anos trazan unha traxectoria que poderiamos describir hoxe coas súas propias palabras: terra de sin pisadas. E o mundo literario galego? É quen de abordar hoxe por fin periplo tan singular? Na cuestión María Mariño o silencio fala, ou talvez evidencia o que cala.
Festa da Palabra Silenciada, 21 [1997 (2006)]

Carmen Blanco
É esta a obra dunha inusitada voz de muller popular galaica creadora cun mesto mundo mariñán, propio e intransferíbel, nacido dunha poética radicalmente intimista e dunha linguaxe absolutamente rupturista, inventada precisamente para expresar a inefabilidade desa extrema experiencia mística persoal luminosamente escura. [...] O intimismo da autora non é unha vivencia esencialista, pechada ou narcisista, senón existencialista, dinámica e aberta á terra, ao mar, á xente e ao conxunto da materia e do mundo.
María Mariño. Vida e obra (2007)

Helena González
Cómpre abandonar a idea de María Mariño como un enxerto ecoico no estripeiro bifronte de Rosalía-Novoneyra, porque non son estes os únicos diálogos intertextuais que estabelece esta escritora, que foi lectora infatigábel, e que callan na profundidade dunha poética fóra de moldes, non pautada, atraente e non previsíbel. Unha escritora que quixo ser poeta e narradora.
Estudo introdutorio de Mas allá del tiempo (2007)

Fran Alonso
As escasas referencias á súa obra, o descoñecemento da súa vida, o seu afastamento do mundo cultural e a confusión sobre as súas datas de nacemento, unido ao decisivo feito de ser muller, teceran arredor da súa figura unha desafortunada mitificación a través da que mesmo se chegou a cuestionar a súa existencia como persoa e como poeta.
A vida secreta de María Mariño, 2007

María do Cebreiro Rábade Villar
É neste segundo libro [Verba que comenza] onde a poeta participará, en altísimo grao, dunha concepción moderna da poesía. E faino porque é capaz de lles recoñecer ás cousas -os filósofos dirían ao mundo fenoménico-, un papel no que poucos poetas da súa xeración (tanto en Galicia como fóra de Galicia) repararon.
Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza, 2 (2006)

María Xosé Queizán
A poesía de M. M., aínda que a terra é substancial, "terra, verba miña!", "terra, alma dona", e a natureza ocupa un lugar
capital nos seus versos, é unha poesía metafísica que indaga en conceptos que foron e son obxectos de pensamento filosófico: a palabra e o tempo. "Tempo é tempo e o mismo Tempo. O que pasou non se foi. Nil estamos. En el hai". Existencialismo. Reflexión sobre o ser e o tempo, en terminoloxía heidegeriana. Que ninguén se deixe enganar polos seus recursos populares, polas reiteracións, incluso polo caos lingüístico! Estamos ante unha obra filosófica. Que non aludan á súa escasa cultura libresca ou ao mínimo contacto co mundo literario! Enfrontámonos a unha poesía fonda, un pensamento dificilmente penetrábel, un universo poético que non se aprende nos manuais. O estilo imítase; o pensamento e a conciencia, non.
Álbum de mulleres de Cultura Galega María Mariño 2007

Xosé Luís Méndez Ferrín
A falla cáseque ausoluta de influencias literarias (a de Novoneyra é insignificante) favoreceu certa torpeza do seu verso sen patrón octosilábico e popular, disfrazado en liñas longas) pero permitiulle esplorar sin freno as suas posibilidás de autoaniquilación. Permitiulle, quizais sin sabelo, coincidir con Antonio Machado en que poesía "es palabra en el tiempo". [...] María Mariño é a cousa máis impoética do mundo, porque é poeta. Carece de identidade, o seu eu é fluído. Continuamente a sua persoalidade se nos vai das mans, fuxe, vai cara as cousas, cara o mundo. Cara ises fenómenos que non poden ver os poetas ipsistas, porque pasan a vida falsificando unha imaxe decorativa de si mesmos. María Mariño da vida á materia, á natureza, ao mundo. Fala por boca do mundo, e fai que o mundo entoe o himno de ela.
La Noche (1965)

Chus Pato
Non considero, por tanto, mística a escrita de M. M. C., tampouco pannaturista, nin escura, nin intuitiva, nin popular Penso si, nun drama, drama a dúas bandas: a destrución e o desexo de vivir. O amor e a ausencia na morte do ser amado. A necesidade do amado dunha amada morta. Penso na ira e no desexo de xustiza no mundo. Penso na palabra como creación (creación do mundo, do visíbel)
Festa da Palabra Silenciada, 21 [1997 (2006)]

Imprimir


Comentarios ()


Novo comentario

Debes cubrir todos os campos do formulario, aínda que correo-e non se vai publicar.

Captcha

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |